29 de set. de 2011

O BNG da Laracha mobilízase para cambiar o nome da praza, lémbranos algo?

O BNG da Laracha e Galiza Nova reivindican na Praza do Generalísimo da Laracha a eliminación da simboloxía franquista e a recuperación da memoria dos represariados. Hai moitas persoas que non puideron dar sepultura aos seus familiares mortos, aínda hoxe tirados nas cunetas e nas veigas. O PP da Laracha teima en se reivindicar como herdeiro do franquismo e négase a eliminar os nomes da Praza do Generalíimo Franco da Laracha e a rúa Carrero Blanco de Caión.

Podiamos pensar que isto só pasa nos concellos gobernados polo PP, con vergoña e xenreira temos que dicir que é a mesma situación que padecemos na Coruña. Non foi suficiente o traballo que fixemos durante o goberno bipartito para forzar a Losada a facer efectiva a Lei da memoria histórica, eliminando a simboloxía franquista dos edificios e das rúas.

Teremos que seguir a dar a batalla por non ter feito as cousas no seu tempo pois no barrio aínda seguimos a honrar ao General Sanjurjo. A pesar de asumir a responsabilidade que nos corresponde, por non ter arranxado esta situación cando estabamos no goberno, seguiremos insistindo en que se cambie o seu nome polo de Avenida de Oza, tal e como se aprobou en Pleno.

Se PP e PSOE tivesen o máis mínimo respecto pola lexislación vixente, hoxe estariamos nunha situación ben diferente, cidades como León eliminaron a simboloxía franquista con gobernos do PP máis na Coruña seguimos con esta noxenta situación. Dende o BNG estamos convencidos de que se non damos nós a batalla nestes asunto, PP e PSOE aparcarán a cuestión e esqueceran o tema, non terán esa sorte.

Nenhum comentário:

Postar um comentário