A comisión de Pesca rexeitou hoxe cos votos en contra do Partido popular, unha proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Ana Luísa Bouza destinada a acometer as medidas necesarias para a recuperación produtiva da ría do Burgo, trala vertedura contaminante de queroseno producida o 2 de setembro do 2011.
A autora da iniciativa tamén reclamaba establecer un control ao fin de prever calquera episodio contaminante na ría, elaborar, nun prazo de dous meses e en colaboración coa Confraría da Coruña, “un plano Especial para a Rexeneración Integral da Ría do Burgo” e o adiantamento, por parte do Goberno galego, de partidas económicas para paliar as perdas ocasionadas ao sector marisqueiro a frote e sobre todo, ao marisqueiro a pé.
Mobilización o vindeiro 2 de outubro para pedir unha solución
Trala intervención do portavoz de pesca do Partido popular, José Manuel Balseiro que afirmou votar en contra da iniciativa nacionalista porque se está a elaborar un plan destinado a resolver o deterioro desta ría, a deputada do BNG preguntou se nalgún momento contaron coa confraría para a elaboración deste plan porque, lembrou, segue convocada unha mobilización para o vindeiro 2 de outubro ao fin de reclamar do Goberno galego accións concretas.
Bouza reprochou ao portavoz do PP que “tras dous anos gobernando” non fixeran nada agás “promesas sen prazos e sen cartos” e a pesar de ter gastado 90 millóns de euros no saneamento da ría “non abonda”, afirmou a nacionalista.
Bouza cualificou a actual situación da ría do Burgo de “situación de emerxencia” que afecta á saúde pública e a moitos postos de traballo e reclamou “un pouco de seriedade” para que o PP deixe de dar roldas de prensa “demagóxicas” que só serven -manifestou-, para dar largas a este asunto.
Pasividade do Goberno galego ante unha situación de emerxencia
A deputada do BNG lamentou a “pasividade” do Goberno galego na recuperación da ría do Burgo e afirmou que: tanto no BNG como na Confraría da Coruña e a Asociación pola Defensa da Ría do Burgo, estamos convencidos de que desgraciadamente, “o Goberno galego non vai a actuar”.
Finalmente, a deputada do BNG instou ao Goberno galego a cumprir coa súa obriga que non é outra-dixo- que “gobernar” e non discriminar ás rías. Neste senso explicou que as rías teñen todas as mesmas competencias e mentres en Pontevedra é Portos de Galicia que está a dragar a ría, a do Burgo segue sen solución para o seu saneamento.



Nenhum comentário:
Postar um comentário