29 de fev. de 2012

Por que pode desaparecer o sector financieiro galego e cales son as consecuencias

A centralización do sector financeiro no estado español: unha decisión política

Case todas as fusións entre caixas de aforros promovidas polo pacto PP-PSOE de xuño do 2011 instalaron as súas sedes centrais en Madrid. O mesmo acontece coas absorcións de bancos privados. Os directivos e persoal técnico, tanto trasladados como novos contratos, estanse a instalar nesa cidade. Mercan ou alugan vivendas, realizan as súas compras, gastan en restaurantes e empregan o aeroporto de Barajas e outros medios de transporte. Este desprazamento de poboación laboral e as súas familias, moitos cun nivel adquisitivo de alto a moi alto, supón unha auténtica avalancha de ingresos para Madrid e un auténtico saqueo para a meirande parte do estado español.

Antiga central do Banco Pastor
A perda dos empregos dos servizos centrais (financeiros, xurídicos, plataformas informáticas e servizos externos) das entidades absorbidas ou fusionadas pode afundir economicamente e mesmo demograficamente a cidades enteiras. A masa salarial trasladada deixará de consumir nas cidades e comunidades de orixe, o que xunto coa crise que estamos a sufrir, arruinará grande parte dos comercios e pequenas empresas das localidades, comarcas e mesmo comunidades autónomas afectadas.

Os impostos de sociedades, IVA, gastos xurídicos, etc. desas entidades financeiras agora centralizadas pagaranse en Madrid, o que suporá unha enorme fonte de ingresos para a capital do estado e unha agresión aínda meirande para practicamente todas as demais comunidades autónomas. As que mellor resisten esta recentralización son Euskadi e Catalunya, precisamente por seren conscientes da ameaza que supón un estado que privilexia a alta burguesía asentada en Madrid.

Esta auténtica reorganización do estado español non é casual nin inocente: está pactada por PP e PSOE, e non admite outra interpretación que non sexa a de que é unha recentralización e un plan para trasladar os centro de decisión a Madrid, o que minimizará os efectos da crise na capital a cambio de agravala no resto do estado.


O impacto en Galiza

En Galiza, e concretamente na Coruña, xa tivo lugar a absorción do Banco Pastor polo Banco Popular, e xa se está a despedir aos traballadores dos servizos centrais da entidade ex-coruñesa. O Pastor xa non existe como tal, aínda que non lle cambian o nome ás oficinas para evitar perder clientes. Os centros de traballo en Montealto e nos Cantóns serán desmantelados case por completo, reducidos a unha simple dirección “rexional”. Son máis de 1000 empregos de traballo directos, e moitos máis indirectos, polo peche ou baixada de actividade de empresas que traballaban coa entidade.

Protesta dos traballadores da Caixa
A Caixa galega, resultante da fusión de Caixanova e Caixa Galicia (lembremos que a alternativa que daba o Banco de España era fusionarse con caixas doutras comunidades poñendo a sede en Madrid), tras ser intervida polo Estado despois de esixirlle condicións-trampa, moito máis duras que aos bancos, está ameazada por unha nova reforma do sistema financeiro, aprobada cos votos a favor de PP e PSOE no parlamento español. Se como pretenden é absorbida por un dos grandes bancos “españois” (máis ben madrileños), construídos a base de privatizacións e fusións con presións políticas, Galiza e sobre todo A Coruña, quedarán sen sector financeiro. A perda de poder e autogoberno, o alonxamento dos centros de decisión na concesión de créditos e a perda de impostos, emprego e poboación  pode facer que o que noutros lugares é unha crise aquí sexa unha catástrofe. Só na Coruña, os servizos centrais da caixa xeran máis de 2000 empregos directos e moitos máis indirectos. A súa perda, a desaparición da obra social e a desvalorización de locais, terreos, etc… poden ser para a nosa cidade como a reconversión naval para Ferrol: unha sentenza de morte que leve á mocidade ao paro e a marxinalidade ou á emigración en masa, facendo que a poboación decreza e se converta nunha cidade pantasma.

Nin o goberno local de Negreira (PP) na Coruña, nin o de Feijóo (tamén PP) en Galiza están a facer nada por evitalo. O segundo mesmo expresou a súa satisfacción coa perda do Pastor.

19 de fev. de 2012

A Xunta retira leite e zume do almorzo de media mañá dos nenos da escola infantil de Eirís

Interior dunha escola infantil da Xunta
Nais e pais de nenos da escola infantil de Eirís denuncian que a Xunta suprimiu o leite e os zumes da merenda de media mañá, que pasará a incluír só pan e froita.
 
Non podemos entender como a Xunta de Galiza pode tomar unha medida deste tipo, antepoñendo unha cuestión económica -miserenta pois as cantidades das que falamos son ridículas- por riba de criterios educativos e de saúde. Ademáis isto ten lugar despóis de que a propia Xunta aumentase nun 50% o prezo das escolas infantís públicas e cando está a comezar a privatizar este servizo público básico.

Os recortes en educación, e en saúde como é neste caso, adoitan saír caros a medio e longo prazo. A escola debe procurar educar naquelas cuestións que nos permitan unha mellor calidade de vida e os hábitos alimenticios son unha parte fundamental. Repítese en moitas ocasións que temos un grave problema coa alimentación dos máis pequenos, cunha elevada taxa de obesidade infantil, polo que cómpre traballar ese aspecto da nosa vida e darlle a importancia que merece.

Unha vez máis, os recortes caen sempre do mesmo lado. Neste caso sobre un colectivo moi vulnerable e no que temos que poñer todo o investimento necesario pois estamos formando os adultos do futuro e polo tanto a sociedade dos vindeiros anos.