![]() |
| Interior dunha escola infantil da Xunta |
Nais e pais de nenos da escola infantil de Eirís denuncian que a Xunta suprimiu o leite e os zumes da merenda de media mañá, que pasará a incluír só pan e froita.
Non podemos entender como a Xunta de Galiza pode tomar unha medida deste tipo, antepoñendo unha cuestión económica -miserenta pois as cantidades das que falamos son ridículas- por riba de criterios educativos e de saúde. Ademáis isto ten lugar despóis de que a propia Xunta aumentase nun 50% o prezo das escolas infantís públicas e cando está a comezar a privatizar este servizo público básico.
Os recortes en educación, e en saúde como é neste caso, adoitan saír caros a medio e longo prazo. A escola debe procurar educar naquelas cuestións que nos permitan unha mellor calidade de vida e os hábitos alimenticios son unha parte fundamental. Repítese en moitas ocasións que temos un grave problema coa alimentación dos máis pequenos, cunha elevada taxa de obesidade infantil, polo que cómpre traballar ese aspecto da nosa vida e darlle a importancia que merece.
Unha vez máis, os recortes caen sempre do mesmo lado. Neste caso sobre un colectivo moi vulnerable e no que temos que poñer todo o investimento necesario pois estamos formando os adultos do futuro e polo tanto a sociedade dos vindeiros anos.

Nenhum comentário:
Postar um comentário