26 de out. de 2011

Eivas do Barrio de Oza I: a cuestión patrimonial

Os Castros e a ría vistos dende o Castrillón
Como todos os barrios da cidade pódese dicir que Oza, entendendo como tal o conxunto das zonas da Gaiteira, A Cubela Os Castros, O Castrillón, Eirís e Monelos, ten moito que mellorar. O caos inmobiliario comezado no franquismo e prolongado durante o vazquismo levou a un mosaico de áreas de edificación moi densa a carón de solares baleiros e leiras cultivadas ou abandoadas. Durante moitas décadas, derrubáronse ou deixáronse caer edificacións con valor histórico ou etnográfico, á vez que se construía sen ter en conta aspectos como a accesibilidade, deixando rúas de trazados revirados, con fortes pendentes para os peóns e dificultades para o tráfico rodado, sen restrinxilo nen regulalo como é debido. 

O acceso á costa, tanto ao peirao como á praia de Oza, descoidouse desaproveitando espazos que poderían ter sido integrados paisaxísticamente e como zonas de ocio. O uso dos muelles de San Diego para descarga de carbón e derivados do petróleo tampouco supuxo unha axuda  e as instalacións de Repsol ocuparon terreos e derrubaron patrimonio como o Castelo de Oza, desfeita que aínda hoxe padecemos.

Non todas as décadas foron iguais e non todas as actuacións foron negativas: nos últimos anos abríronse zonas verdes coma os parques de Oza ou Eirís, contamos con centros sociais municipais que funcionan relativamente ben e rúas coma A Gaiteira e a Avenida de Oza tiveron un lavado de cara. Nesta última segue pendente o cambio de nome pola lei da memoria histórica.

Para comezar o listado de eivas do barrio, imos incluir as referidas á recuperación e posta en valor de elementos xa existentes.

1) A cuestión patrimonial

Os principais asuntos pendentes nesa área serían:

- Recuperación da que foi Casa do Concello de Oza, restauración e devolución como casa museo ao Barrio de onde non debeu saír ás mans privadas. Situada na Rúa Montes. A Asociación de Veciños lévaa reivindicando a petición dos veciños e veciñas dende hai unha chea de tempo, quedaría perfectamente integrada no novo Parque de Oza.

- Rexeneración e posta en valor da Praia de Oza como parte que foi da antiga Lazareto. En convenio co Porto poderíase ampliar integrando os antigos varadoiros e sen maior gasto. Non pedimos un paseo marítimo, ao contrario: non queremos ningunha actuación nese senso.

- Pedimos que a través dun convenio entre Concello e Adif, ésta se comprometa á limpeza e mantemento da contorna do camiño de ferro e a proxectar e executar unha rampa máis ancha que voando por riba do camiño de ferro leve á praia: a que hai hoxendía non ten sentido dado o volume de bicis e peóns que a atravesan.

- Tamén reclamamos a recuperación do Faro de Oza e que sexa devolto aos veciños e veciñas como aula do mar e dos mariñeiros da Ría (aula polivalente de: exposicións, reunións, charlas e conferencias).

- Recuperación e restauración da Capela de Oza. Xunto co Faro pódense complementar constituíndo un bó espazo de exposicións. Hoxendía está abandoada, e merece especial atención xa que caeron bastantes pezas dos alares do tellado co conseguinte risco. Precisa unha actuación de restauración inmediata e que quede transferida en mans do Concello para evitar a pelexa de responsabilidades sobor do patrimonio.

- Tamén urxe instar a quen corresponda á restauración inmediata das casas modernistas da Avenida de Oza.


18 de out. de 2011

A compra do Pastor e a privatización da caixa: non hai goberno en Galiza nin na Coruña.

A Oferta Pública de compra de Accións do Banco Popular sobre o Banco Pastor, dirixida a tentar captar a totalidade do capital do ata agora banco galego semella contar coa colaboración dos posuidores de máis da metade das acción: a Fundación Barrié (42%), Amancio Ortega (5%) e Tesalia (5%). 

Esta operación supón unha absorción en toda regla, a través da cal o banco coruñés desaparecerá fagocitado pola entidade con sé en Madrid, malia que coma estratexia de márketing pretendan manter a imaxe do Banco Pastor nas oficinas do territorio galego. A cotización pasará a se pagar en Madrid e as decisión estratéxicas tomaranse nesa cidade. As perspectivas inmediatas dos milleiros de persoas que traballan nos servizos centrais do banco na Coruña son sinxelamente pésimas: un só banco non precisa de dous sistemas informáticos, co que os centos de persoas que traballan no centro de procesamento de datos de Montealto ven perigar o seu futuro; e o mesmo pódese dicir dos empregados dos servizos financieiros no centro da cidade.

Parte deses postos serán eliminados, outros trasladados a Madrid, e A Coruña perderá non só ese emprego, senón tamén o potencial de consumo de todos eses traballadores, moitos cun poder adquisitivo meirande que o promedio, o que rematará destruíndo actividade e empregos noutros sectores: comercio, hostelería, inmobiliario, etc.

Esta absorción supón un dos ataques máis duros á economía galega dos últimos anos: a destrución, por agora só parcial, do sector financieiro galego deixará a Galiza con moita menos autonomía real e lastrará o noso desenrolo durante décadas: os criterios para realizar grandes inversións e conceder préstamos realízanse tamén con criterios xeográficos.

Este dano será inda moito meirande se a recentemente bancarizada Novacaixagalicia Banco sofre un proceso semellante. No caso da Coruña, a perda do Pastor suporá un golpe demoledor. A posibilidade de que a caixa corra o mesmo destino traduciríase nunha auténtica catástrofe semellante á que sofreu Ferrol coa reconversión do naval: paro, emigración e degradación da cidade e a súa contorna.

Fronte a estes ataques, a Xunta e Feijóo reaccionaron cunhas declaracións absolutamente delirantes, afirmando que era positivo que se vendesen as acción a un bó prezo. O suposto alcalde, Carlos Negreira, non semella asumir nengunha responsabilidade máis aló de dicir que non é unha boa nova. En intres coma estes é cando se ven as consecuencias de ser gobernados por unha sucursal dun partido con sé en Madrid. O triste é que haxa unha parte da cidadanía o suficientemente alienada para apoialos co seu voto.

A ausencia de ideas e de respostas de PP e PSOE, que acordaron a privatización das caixas e a concentración do poder financieiro en Madrid contrasta coa atitude construtiva do BNG, que propuxo que fose a Xunta quen mercase participacións na caixa galega, co cal gañaríamos autonomía e poderíamos potenciar o desenrolo económico e social en Galiza, evitando a xestión “independente” e “técnica” (é dicir, especuladora e centrada no curto prazo) que leva a grande parte do sector ao colapso, e con él ao resto da sociedade.

Unha das preguntas que nos podemos facer é: os clientes coruñeses e galegos do Pastor van permitir que a nosa cidade e o noso país afundan? Este feito non debería facer que repensásemos onde gardamos os nosos aforros?