29 de nov. de 2011

Eivas do Barrio de Oza III: Mobilidade

Despóis de repasar as principais carencias no tocante á proteción e aproveitamento do patrimonio e a infraestruturas toca facer un repaso a un dos principais problemas do barrio, de toda a cidade e do conxunto da comarca das mariñas coruñesas: o transporte.

A situación de partida
A Coruña e a comarca precisan dende fai moitos anos dun plano integral de transportes públicos. A poboación dos concellos lindeiros (Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros e mesmo Sada ou Carral) medrou enormemente, mentres que A Coruña en sí ficou estancada e outras zonas de Galiza, principalmente no interior, están a sofrer un despoboamento e avellentamento dramáticos.
 
Esta derradeira situación dase, inda que non tan intensamente, en determinadas zonas da Coruña, entre elas O Castrillón. Os disparatados prezos dos pisos, tanto en aluguer como en venda, teñen boa parte da culpa. Moita xente nova renunciou a mercar ou alugar pisos na cidade por mor da dantesca situación producida pola burbulla inmobiliaria, que antes do seu estoupido no 2008 fixo que case calquera vivenda habitábel, mesmo de moi baixa calidade, resultase unha inversión enorme, inmanexábel e enormemente arriscada. Os anuncios de cuartos sen ascensor e a reformar por 200.000 euros chegaron a ser comúns no barrio de Oza, e os prezos dos alugueres non eran mellores, ao mesmo tempo que a expresión que definía os ingresos mensuais da meirande parte da mocidade era ‘mileurista’, sendo moi habitual que o salario neto fose menor. A situación que o bipartito estatal, PP e PSOE -que non esquezamos que votan en común ou se absteñen nas principais decisións en materia político-económica-, presenta como unha época case idílica só foi unha estafa piramidal cunha necesidade básica como é a vivenda. O paro baixou sen deixar de ser alto, os soldos conxeláronse e os prezos -non só os da compra- disparáronse.

Mesmo agora, os prezos dos pisos, especialmente na Coruña, seguen a ser moi altos, co cal a fuga de poboación nova segue a ser importante. Que relación ten isto co transporte? Milleiros de persoas que en moitos casos traballan e fan boa parte da súa vida diaria na Coruña viven (en ocasións durmen e pouco máis) a 10 ou máis km de distancia. Non é unha situación nova, pero a escala en que ten lugar aumentou moito. Tentando evitar ser simplista pero buscando pór un exemplo, pódese dicir que na área metropolitana que se está a formar hai moitos casos en que unha persoa vive en Culleredo, traballa en Arteixo e pasa parte do seu tempo libre na Coruña. A poboación da comarca medrou, pero os desprazamentos de media distancia aumentaron de xeito desproporcionado.

Ademáis de que habería que facilitar o acceso á vivenda para evitar os problemas que causa o despoboamento de barrios en que os pisos baleiros son xa unha praga, ata o de agora non se dispón dun sistema público de transporte que sexa unha auténtica alternativa ao coche particular agás en determinados traxectos. O único recurso real son os autobuses e presentan eivas claras.

Os autobuses

Estación de autobuses da Coruña
Fixándose nos aspectos positivos hai que destacar que a Tarxeta Metropolitana, ao permitir os trasbordos en toda a área, fixo que o prezo fose aceptábel. O principal problema é o propio modelo en que se basea: concesións a empresas privadas descoordinadas entre sí, que non permite que haxa un mapa de rutas mínimamente sensato.

Case calquera viaxe entre os concellos da periferia e a cidade pasa pola estación de autobuses de A Coruña, sen que haxa opción a facer rutas con continuidade. Isto provoca limitacións con consecuencias graves: os traxectos entre os arredores e os polígonos industriais, áreas comerciais ou de ocio, centros de estudo, etc … prolónganse ao ter que facer trasbordos, e en moitos casos hai que desandar boa parte da viaxe. Un exemplo sinxelo é que para ir do Burgo ou dende Oleiros ata o polígono de Pocomaco hai que coller un autobús que leva á estación, sair desta ata outra parada (neste caso próxima, en Ramón y Cajal) e tomar un autobús urbán ata o polígono. As frecuencias deste último non son elevadas. O traxecto dende San Pedro de Nós é dunha hora máis ou menos, namentres que en coche leva 15-20 minutos. Isto poderíase arranxar con rutas de acceso aos polígonos máis ou menos sensatas, o que axudaría a desconxestionar o tráfico e reduciría inda máis os tempos de viaxe.

As rutas que pasan por máis dun concello son case totalmente radiais: pódese ir da Coruña a Oleiros, a Culleredo ou a Arteixo, pero ir de Santa Cruz ao Burgo ou de Arteixo ao Temple é unha odisea. Isto tradúcese unha vez máis nun aumento do tráfico.

Ademáis as frecuencias e a amplitude horaria son en moitos casos insuficientes. A frecuencia en sí podería mellorar sen necesidade de máis autobuses, pero cunha mellor organización dos itinerarios.

As alternativas
Vía férrea nos Castros
A día de hoxe na Coruña non hai nin metro nin tren de proximidade. Calquera desas alternativas tería un certo custe, pero tampouco sería tan elevado se partísemos da reutilización ou da ampliación de vías xa existentes. Unha prolongación das vías da estación de San Diego podería levar un metro lixeiro ao centro da cidade  por terreo portuario, e poderíase facer unha circunvalación que conectase entre sí diferentes puntos da periferia da cidade. Con pequenas radiais e unha circunvalación adicional poderíanse conectar entre sí todos os núcleos de poboación medianos e grandes da comarca. 

Estas infraestruturas precisarían dunha inversión seria, pero ridícula en comparación con outras de utilidade por agora dubidosa, coma o porto exterior. E suporían unha alternativa real ao transporte por estrada, que a día de hoxe é a única opción que temos. Tamén permitirían aforrar en novos investimentos na rede viaria, que aumentan segundo se colapsan as vías actuais.

Á marxe dos camiños de ferro e das estradas, na comarca temos outra posibilidade: o transporte por vía marítima. Uns poucos itinerarios en ferrys ou embarcacións semellantes poderían axudar a desconxestionar a Ponte da Pasaxe, e permitirían comunicar aos concellos da Coruña, Culleredo, Oleiros, Sada, Betanzos, Ferrol... co engadido de que poderían resultar tamén de interese turístico.

O escenario ao que se debería aspirar
O normal na Coruña sería un compromiso serio de todas as administracións para racionalizar o sistema de transporte público, reorganizando o servizo de autobuses e introducindo un sistema alternativo e á vez complementario mediante metro e tren, cunha tarxeta de transporte e unha xestión común ou coordinada que xa existe en moitas cidades de certo tamaño por toda Europa. A idea básica sería competir co automóbil: non dificultando o uso do vehículo particular, senon oferecendo unha alternativa comparábel en canto a tempos, comodidade e extensión, e que fose máis económica.

24 de nov. de 2011

A Xunta do PP desactiva a tarxeta sanitaria das persoas que levan un ano en paro

A Consellería de Sanidade dirixida por Pilar Farjas (PP) está a desactivar a tarxeta sanitaria ás persoas que levan máis de 12 meses no paro, sen avisalos de nengún xeito.
Así, ás persoas que se atopan en situación de desemprego prolongado e que acoden a pedir cita co médico estáselles a negar a atención sanitaria, e aos que teñen que empregar os servizos médicos de urxencias obrígaselles a asinar un compromiso de pagamento dos servizos prestados. 


A primeira organización en denunciar esta situación foi a CIG, pero sucesivamente foron aparecendo novas ao respecto en distintos medios de comunicación estatais como El País ou Público. En medios que se autodenominan galegos e que nalgún caso reciben varios millóns de euros anuais de subvencións da Xunta, coma "La Voz de Galicia", semella que non consideraron axeitado informar do feito, o que resulta sorprendente posto que  pode afectar moi seriamente a varias ducias de milleiros de galegos.


As opcións que a Consellería de Sanidade permite a quen se atope nesa situación son dúas:
  • Solicitar ser incluido como beneficiario na tarxeta dalgún familiar que sí cotice. É a opción menos lesiva, porque unha vez realizados os trámites recuperaríase o que moitos críamos que era un dereito social básico. Os principais problemas que ocasiona é que hai moitas familias con moitos membros en paro -situación que non fixo máis que aumentar dende a chegada do PP á Xunta malia as súas promesas de que solucionarían o paro-, que non se poderían acoller a esa figura; e que supón presentar unha declaración de que se depende económicamente da persoa cotizante á que se asocia, o que para alguén que se atopa en situación de desemprego prolongado supón un golpe máis á súa autoestima.

  • Segundo a Orde do 05 de setembro da Consellería de Sanidade, publicada o día 9 dese mes e vixente dende o 29 de setembro pódese solicitar asistencia sanitaria por carecer de recursos económicos suficientes (PSR) ou por estar no que chaman “código 29”. Esta segunda denominación refírense aos que teñen estado de alta nos últimos 12 meses, así que só poderían optar a ese suposto quenes despóis de ter pasado un ano no paro, coa conseguinte anulación da súa tarxeta, tivesen cotizado nalgún traballo temporal. Para calquera das dúas figuras esíxense unha serie de condicións que aparecen no texto, que se pode ver no enlace e no que tamén indican os documentos e trámites para a solicitude. Neste caso habería que renovar a tarxeta cada 2 ou 3 anos dependendo do caso.


A transparencia segundo o PP

O "CE TRO DE SAUDE" de Novo Mesoiro
A cancelación das tarxetas vixentes estase a realizar sen publicidade e sen comunicación previa, de xeito que os que cumplen os supostos para solicitar unha tarxeta descobren que non poden ir á sanidade pública cando piden atención, e o procedemento de tramitación para facer unha nova dura entre 8 e 10 meses. Durante ese tempo quen queira unha cita teráa que pagar previamente (67 euros para unha consulta co médico de cabeceira) e só se atenderá de urxencias con compromiso de pagamento polo paciente. O SERGAS tampouco pagará os medicamentos dos afectados. Os resgardos de ter comezado a tramitación non son aceptados. A Xunta do PP, e Pilar Farjas en particular, nin tan sequera informaron do cambio aos profesionáis do SERGAS nin ás farmacias, polo que cando foron chegando os primeiros casos de tarxetas inactivas non puideron asesorar aos cidadáns.


Consecuencias

Nas xustificacións, sen efecto legal, previas aos artigos da Orde, a conselleira Pilar Farjas expón que pretende ofrecer unha seguridade que antes non existía, e o Sergas, na súa páxina oficial, xustifícase con atitude propagandística afirmando que consolida dereitos. Deixando á marxe os slogans, o cambio a efectos prácticos consiste en que agora as persoas en situación de desemprego verán como se lles anula a tarxeta e fican durante 8-10 meses sen atención sanitaria. Os cambios administrativos que emprega coma xustificación non deberían valer coma excusa para algo así, que contribúe a degradar e desprestixiar a sanidade pública e que perxudica gravemente, ofende e humilla a persoas que se atopan nunha situación en que precisan apoio.

Os prezos non son precisamente baixos. Estabelécense no Decreto 209/2011, do 27 de outubro, que ademáis abre a porta a, literalmente, "repercutir nos usuarios os gastos ocasionados por estes como consecuencia do uso irresponsable das prestacións asistenciais do Sistema Público de Saúde de Galicia", sen especificar en que consiste ese uso, o que deixa a porta aberta a actuacións arbitrarias.


Outro cambio recente é o cobro de 10 euros cada vez que se renove a tarxeta. E tamén hai que lembrar os recortes que están a ter lugar no servizo de ambulancias. Un éxito máis ao que xa merecía ser considerado coma o peor goberno da Xunta da historia, e que ven a se sumar a outros coma ter multiplicado a taxa de paro e emigración, estar a destruir o tecido industrial, anular un concurso legal e lexítimo para que a explotación da enerxía eólica levase aparellada a xeración de novas industrias, paralizado a apertura de novas garderías, retirado a gratituidade dos libros de texto, permitido a privatización das caixas de aforro galegas,  atacado e insultado á lingua galega e aos que a empregamos, degradado o ensino público (poñendo profesores de física a dar bioloxía e á inversa), non actuar en absoluto perante a compra e deslocalización do Banco Pastor (que xa está a supor a eliminación de postos de traballo e afectará a máis de 2000 persoas),  etc…

13 de nov. de 2011

Discurso de Jorquera e entrevista en TVE

Intervención de Jorquera nun mitin:




Entrevista en TVE:


Charla dixital de Francisco Jorquera en Público.

Francisco Jorquera
O día 8 de novembro Francisco Jorquera, candidato número un da lista do BNG ao congreso dos deputados e veciño do Castrillón, mantivo unha charla dixital cos lectores do xornal estatal "Público". As preguntas foron formuladas polos usuarios da web e de entre as existentes seleccionáronse as máis votadas polos lectores.

Transcribimos un par de preguntas e respostas e incluímos o enlace á páxina orixinal: Conversa dixital de Jorquera en Público



Un
En Galiza o PP ía rematar coa crise en 45 días e nos dous anos que leva non fixo máis ca empeoralo todo. O PSOE está ao que lle digan os misteriosos "mercados". Que nos queda?

Francisco
Apostar por outras opcións, como en Galiza o BNG, que defende políticas realmente alternativas orientadas a atender ás necesidades das maiorías sociais en vez de estar ao que dicten os grandes poderes económicos. É moi importante que estas eleccións servan para romper o bipartidismo que no económico tende a converterse nun pensamento único.


Breixo
Boa tarde. Cal é a súa proposta para a reactivación económica de Galicia?

Francisco
Banco Público Galego, aposta polo investimento público social e productivo para reactivar a economía, superar os corsés impostos por Bruxelas a sectores básicos (construcción naval, conserva, pesca, sector leiteiro), apoio a sectores emerxentes (enerxias renovábeis, empresas vencelladas á sociedade do coñecemento...) e impulso á economía social.

8 de nov. de 2011

Atopa algunha diferenza... se podes!

O grande debate entre os candidatos de dous partidos que no parlamento do estado case sempre votan o mesmo ou abstéñense, inda que tentan aparentar que son moi diferentes
No falso debate entre Rubalcaba e Rajoi quedaron ámbolos dous ao descuberto. O debate foi falso porque no Estado español existen moitas máis forzas que as que estaban nesta pantomima, aínda que está claro que PP e PSOE están sempre de acordo cando se trata de afondar aínda máis no bipartidismo, ou no partido único PPOE, pois as súas políticas económicas serven ao mesmo amo.

A escenografía delátaos, preséntanse exactamente igual e, tamén nesta cuestión, cada vez é máis complicado ver en que se diferencian. QUEREMOS MENTIRAS NOVAS, dicía unha pintada nunha parede de Porto antes dunhas eleccións en Portugal, iso é todo o que Rubalcaba e Rajoy nos poden ofrecer: MENTIRAS NOVAS.

Os que teñamos un pouco de memoria aínda podemos lembrar a Rajoy diante de medios de comunicación de todo o mundo, nunha rolda de prensa cando o Prestige andaba de romaría polo Atlántico (grazas ao bo facer de Alvarez Cascos) entón preguntáronlle cara onde iría a mancha de chapapote e a súa resposta foi: “se o vento ven do norte a mancha irá cara o sur, se o vento ven do sur a mancha irá cara o norte”. Fai falla ter cara!

Temos que ter claro que HAI ALTERNATIVA. Votar BNG é votar por unha alternativa galega e de esquerdas, por unha alternativa que defende a maioría social e non ao capital e as grandes empresas.

Eivas do Barrio de Oza II: infraestruturas

Avenida da Pasaxe, co parque de Eirís no alto
A zona de Oza segue a precisar actuacións para superar a desidia de moitas décadas, como xa comentabamos no primeiro post sobre as carencias do barrio. Tamén alí mencionamos que nos últimos anos a situación cambiou a mellor. Ampliáronse as zonas verdes coa apertura dos parques de Eirís e Oza, a se engadir aos de San Diego e o “Parque Europa” (o termo parque resúltalle grande dado o seu tamaño) facendo que as superficies verdes comecen a ser aceptábeis. Algunhas rúas principais foron remozadas, e o equipamento en centros cívicos e pavillóns deportivos tamén mellorou grazas ao remate das obras no Forum Metropolitano e ao pavillón do Colexio San Francisco Xavier.

 De todos xeitos a situación dista moito de ser idílica. Tentando concretar, e evitando mencionar carencias que sendo estruturais poden corresponder a outras áreas, queremos destacar as seguintes:

- Existen problemas de auga en moitas vivendas, especialmente en pisos altos, e EMALCSA négase a arranxar estes problemas. Moitas canalizacións están vellas e totalmente obsoletas, segundo manifestaron os veciños a través das súas denuncias e queixas. Tamén se detectan problemas na rede de sumidoiros, sobor de todo polas zonas próximas ao canalizado río de Monelos.

O falso túnel dos Castros
- O falso túnel dos Castros non trouxo máis que problemas ao barrio, cunha chea de accidentes dos que xa perdimos a conta, polo que pedimos a súa eliminación. Produce unha falsa sensación de seguridade pola mediana e a estética de autovía, pero consiste nunha curva en pendente que atravesa un túnel, posta a continuación dun tramo da Avenida da Pasaxe en que o límite é de 80km/h, e moitos condutores manteñen esa velocidade ao entrar. Considerámolo unha vía rápida dentro do barrio e non queremos focos de accidentalidade ás portas da casa. Cando noutras cidades galegas (Vigo) se quitaron este tipo de barbaridades, acó seguimos a mantelas, desconexos do noso tempo.  

- Debemos de loitar contra todo tipo de especulación, que por desgraza espolea e arraiga tamén no noso barrio. Xa é coñecida a nova en torno ás torres de Eirís, proxectadas para se construir sobre unha plataforma de cemento, que están a ameazar con edificar nun lugar onde agora mesmo hai espazo verde. Ao noso entender debería seguir como tal, e mesmo poderíase ampliar. A zona alta de Eirís é unha área a medio urbanizar e por agora a súa apariencia é francamente caótica, así que debería ser obxecto de vixilancia para procurar que se desenrole de xeito ordenado, deixando espazo para tránsito, zonas verdes e servizos.

Hortas no Castrillón
- Pensamos que como actividade de lecer e mesmo como fonte de emprego poderíase potenciar o uso de hortas ou leiras urbáns, organizando cursos e cedendo espazos para quenes estexan interesados. Daría a este barrio un espazo común para as xentes que queiran facer úso destas actividades. Hai espazos e xente interesada, só se precisa vontade política.