O
escenario
Día
14 de novembro de 2012, Folga Xeral non só en Galiza e non só no
conxunto do estado español, senón tamén en Portugal, Italia,
Chipre e Malta, con paros e manifestacións en Grecia e actos de
apoio por todo o continente europeo.
Protéstase
contra unha campaña de destrución de dereitos sociais e laborais co
obxectivo de privatizar servizos públicos e baixar salarios. En
último termo o que os gobernos de dereitas pretenden é aumentar os
beneficios dunhas poucas grandes empresas, sobre todo banca e
aseguradoras, reducindo a importancia das rendas do traballo a favor
das rendas do capital, das que vive unha minoría rendista, por moito
que esta nova nobreza feudal cree postos a medida para finxir que
traballa.
O
paro en Galiza supera as 260.000 persoas. No conxunto do estado
aumentou nun millón de persoas dende que o PP entrou no goberno,
600.000 dende unha reforma laboral que entre outras cousas nega o
dereito á negociación colectiva, ao permitir a caducidade dos
convenios. A patronal está a deixar pasar o tempo para que dentro
duns meses queden sen efecto, co que o salario mínimo para calquera
profesión pasará a ser o do estatuto dos traballadores: 640 euros.
A
pobreza comeza a afectar a capas da poboación que nunca a coñeceran,
tendo que recorrer á caridade para poder comer. Chégannos novas de
persoas que se suicidan antes de que os bancos as boten das súas
casas e as convirtan en indixentes.
Na
Coruña a folga ten un éxito evidente, inda que desigual en función
dos sectores, e a manifestación sobrepasa as 125.000 persoas.
![]() |
| A praza de María Pita ao final da manifestación: a maioría non puido entrar |
O
feirante
O
medio de persuasión e adoutrinamento con máis peso en Galiza é dun
grupo de información privado pero con financiamento público vía
subvencións e campañas publicitarias, e con constante renegociación
e perdón de débedas por parte das mesmas entidades financieiras que
envían nenos, anciáns e persoas de calquera condición á rúa ou
rouban os seus aforros a persoas ás que aseguran que están en lugar
seguro.
Como
é fácil de adiviñar trátase do grupo Voz, no que destaca La Voz
de Galicia, seguido de RadioVoz e, a moita distancia en audiencia e
influencia, inda que non en perdas económicas, V Televisión.
O
conto
Con
millóns de vidas arruinadas e traxedias humanas de fondo, a
intrahistoria máis destacada polo grupo Voz é, tal como a narran
eles, algo así: o dono dunha xoiería, un estabelecemento
supostamente familiar na Rúa Real, pero que di ter empregados,
négase a pechar ao paso dun piquete informativo. Discute con eles
mentres poñen pegatinas no seu comercio (sen especificar que foi no
exterior) e seica lle tiran “bolas de papel ardiendo”. Dilles que
leva dende xaneiro do 2007 sen cobrar para poder pagar aos seus
empregados, e que ninguén lle pode dar leccións de ética.
Tamén
admite que non o agrediron “pero casi”. A historia remata
cunha suposta clienta que segundo o xoieiro presenciara os moi
espontáneos feitos e que ao día seguinte mércalle un anel que ela
mesma di que non precisa, e que o fai para axudar inda que non se
pode permitir moitos gastos.
A
única información que aparece é a versión do dono do local, sen
probas de ningunha caste nin entrevistas con ninguén máis. Na web
do mesmo xornal atópase un vídeo en que se ve como el e o seu
acompañante lanzan o seu discurso sen que os membros do piquete lle
fagan nin un mal xesto.
A
foto que acompaña o texto é absolutamente épica, un pousado
haxiográfico: algo así como un cruce entre a portada dun disco de
Camela e a imaxe máis difundida do “Ché” Guevara.
A
testemuña alternativa
Quen
escrebe estaba alí, formando parte do piquete informativo. Non fun o
primeiro en falar con el, pero vin os feitos e dirixinlle a palabra
para tentar razoar. O heroe da historia do grupo Voz saíu acompañado
doutro home ao encontro dos piquetes, sen provocación previa e
comezou a berrarlles botando en cara que fixesen ruído e que o
animasen a apoiar a folga, para pasar inmediatamente a berrar a súa
historia fronte a un cámara do Grupo Voz que se achegou xusto a
tempo, case como se estivese acordado. A atitude dos dous homes
saídos da tenda resultaba teatral.
Non
houbo “bolas de papel ardendo” e as pegatinas puxéronse só no
exterior, e máis ben poucas. Tras
un par de discusións en que el semellaba buscar o contacto físico
cos participantes no piquete achegueime e dixen que non pasaba nada,
que só estabamos a informar. Inmediatamente repetiume a mesma
historia de que levaba dende xaneiro do 2007 sen cobrar para poder
pagar aos seus empregados, que ninguén lle podía dar leccións de
ética, e engadiu que el
déralle liberdade aos seus empregados para ir á folga. Parte do
discurso foi unha repetición palabra por palabra, como nun guión de
televisión. Todo isto berrando a pleno pulmón sen que eu tivese
dito nada máis que “non pasa nada, só estamos a informar”, en
ton francamente baixo.
Tras
recitar as mesmas frases que xa empregara antes, seguiu berrando que
non había dereito a berrarlle. Nese intre interrompino e dixen que
por agora o único que berrara fora el e que eu apenas abrira a boca.
Aproveitando que semellaba coller folgos díxenlle que non se
arruinaría por pechar un día de folga, pero que si era posíbel que
tivese que pechar se as políticas da dereita continuaban e a
poboación se seguía a empobrecer e a consumir menos, e que por iso
era importante que a folga se notase. Berrou novamente para dicir
“eso no vale de nada y tengo más motivos para estar indignado que
tú”. Deixando pasar a ocasión de lembrarlle que non nos
coñeciamos en absoluto, díxenlle que non era certo, que en Portugal
remataban de conseguir que o goberno dese marcha atrás en varios
recortes, e que en folgas anteriores conseguírase que tanto PP como
PSOE anulasen algúns artigos que perxudicaban enormemente aos
traballadores.
Un
compañeiro díxome que fósemos porque había que seguir o
percorrido, e despedinme sen que por iso o self-made-man coruñés
parase de falar a berros. Non lle din moita importancia: xa escoitara
discursos semellantes, e o único que chamaba a atención era a
actitude tetral, a impresión de que repetía un discurso aprendido e
certa insistencia en tentar prolongar a discusión.
O novo heroe do medio de adoutrinamento e persuasión máis
importante de Galiza (e o que máis cartos públicos recibe)
Vendo
a presentación desta persoa como se fose un mártir ocórrenseme
varias cousas. A primeira é que a súa interpretación, con frases
recitadas de memoria, berros, e dramatismo; a gravación e o xeito de
difundila seguramente estivesen planificadas de antemán.
No
que respecta ao grupo Voz, depende de subvencións de institucións
gobernadas polo PP e de que as entidades que lle dan crédito lle
permitan renegociar pagamentos unha e outra vez. Para saber por que
fai algo ao mellor hai que pensar que defende a quenes lle pagan.
Esta historia, sen máis base que as palabras dunha parte interesada,
permite desviar a atención do éxito e os motivos da folga: á
auténtica crise humanitaria que a dereita política e o capital
financieiro están a provocar. E tamén serve para tentar presentar
como energúmenos aos piquetes, cando os que participamos tivemos
unha conducta pacífica e dende logo menos agresiva que o
xoieiro-mártir. De feito non hai nada de que acusar aos
sindicalistas, inda que diga que “casi” foi agredido, o que se
traduce como que ninguén o agrediu pero que quere aproveitar para se
facer a vítima.
Si
que é probábel que a xoiería funcione mal, inda que por
localización e tipo de produtos que vende sería de agardar que
parte dos seus clientes sexan persoas de elevado poder adquisitivo,
que nalgúns casos están a gañar inda máis cartos que antes coa
suposta crise. Pero admitindo que apenas venda, inda que di que é
dende comezos do 2007 (antes de que comezase a caer o consumo),
ocórreseme que o xoieiro poderíase ter prestado voluntario para a
campaña para gañar publicidade. Mesmo inclúese unha caste de
exemplo a imitar en que unha muller merca unha xoia con intención de
axudar, a xeito de doazón. Coido que ese detalle en particular é falso porque, contra o que dí a nova, estou relativamente seguro de que non había clientes na tenda nese intre.
O
discurso
Aparte
de que o conto da Voz anima directamente a mercar alí a xeito de
contribución (ou pódese dicir esmola?), esta persoa lanzou varias
ideas que considero perigosas: unha é que afirmou que el deulles aos
empregados permiso para ir á folga, como se ese dereito fundamental
dependese da súa autorización previa: se os empregados queren
casar, ter fillos ou militar nun partido político tamén pensa que
precisan a súa autorización previa?
Outra
é que as folgas non valen de nada. É sinxelamente mentira. Se iso
fose certo non se empregarían tantos esforzos en tentar limitalas ou
rebentalas, e hai casos abondo en que conseguiron os seus obxectivos
parciais ou totais.
Por
último, fala de sacrificios para pagar as nóminas. É posíbel que
non recolla beneficios relevantes, e o empresario como tal cobra
deles, non dun soldo. Pero o salario dos traballadores non é un
favor que lles conceda graciosamente, senón que é pagarlles polo
traballo que fan do mesmo xeito que paga o subministro eléctrico:
está obrigado a facelo. Os asalariados non teñen que deixar de
cobrar cando a empresa vai mal do mesmo xeito que tampouco cobran
máis nas épocas en que dá beneficios, nas que seguro que o
empresario ve como normal gañar 10, 20, ou como en grandes empresas,
100 veces máis que un traballador. Se quere evitar ese problema,
debería buscar asociados e que tanto el como eles repartan os
beneficios se os hai.
