27 de dez. de 2011

Eivas do Barrio de Oza V: medio ambiente terceira parte

Ademáis da contaminación mariña, coas relativamente frecuentes mareas negras, A Coruña ten o seu próprio e espectacular historial de problemas coa xestión de residuos: o afundimento do verquedoiro de Bens no 10-09-1996, cunha vítima mortal e o desaloxo de 300 veciños do Portiño, destapou a ausencia dunha auténtica xestión de residuos, que levaban anos amoreándose sen máis. O goberno municipal de Francisco Vázquez, ese “socialista”, decatouse de que un desastre así podíalle custar o posto e organizou un “contraataque” co apoio mediático do grupo Voz. O fedor intermitente, en función da direción do vento, durou anos. Apurando os prazos, realizouse un soterramento do verquedoiro, creando un novo parque sobre o mesmo e presentouse unha alternativa para a recollida e xestión de residuos orgánicos e inorgánicos a través da pranta de tratamento de Nostián, que comezou a operar en 1999 para a fracción inorgánica e un ano despóis para a orgánica.

Con antecedentes así agárdase un compromiso serio da alcaldía coa descontaminación da cidade en todos os sentidos, formando á xente no consumo responsabel; na reciclaxe de todo tipo de materiais, mesmo aceites domésticos que hoxendía van parar aos sumidoiros, ampliando e facilitando o acceso aos puntos limpos para evitar que os nosos montes se enchan de plástico, colchóns e electrodomésticos; sancionando a aquelas empresas ou particulares que incumplan de xeito reiterado a Lei vixente nesta materia, e tamén buscar o xeito de recompensar a aqueles que fagan por recuperar o medio ambiente, para incentivar á xente a coidar o que temos e a deixar unha herdanza en condicións aos nosos fillos e netos.

O parque de Oza

Un asunto pendente é valorizar as fontes naturais que emanan do novo parque de Oza e dos seus arredores, que emerxen á superficie en pésimas condicións e sen solución de sumidoiros e canalizacións. Esta auga remata saindo ao mar despóis de se incorporar ao Río de Monelos, agochado por unha canalización que xamais debeu de existir. Pedimos que na medida do posibel o Concello levante esta condea ao río que foi símbolo da vida de Oza e o deixe á vista dos cidadáns para recordo e lembranza: neste senso instamos ao Concello a que faga un estudo e posterior sanción a todos aqueles edificios que conectaron as súas redes de augas residuais directamente ao Río, contaminando dende aqueles anos o noso mar e porén prexudicando de maneira flagrante a esta cidade e os seus veciños e veciñas. Que paguen logo por isto.

21 de dez. de 2011

Eivas do Barrio de Oza V: medio ambiente segunda parte

Despóis do primeiro artigo sobre as eivas medioambientais do barrio, centrado na zona  portuaria de San Diego, temos que lembrar o resto da costa de Oza, entre o tramo anterior e a ponte da Pasaxe, que marca o linde do concello e á vez define o comezo da zona interior da Ría do Burgo, posto que é alí onde son máis evidentes os depósitos de area, lama e materia orgánica que dificultan a circulación da auga.

A franxa costeira II: da praia de Oza á Pasaxe

O litoral dende a praia de Oza ata a Ponte da Pasaxe está moi abandoado: non hai accesos axeitados e boa parte está ocupada por ruínas de antigas fábricas ocupadas por chabolistas que viven nunhas condicións indignas. Unha parte deles adícanse ao marisqueo furtivo sen control algún, constituíndo unha ameaza para a seguridade alimentaria -non respectan as zonas non autorizadas ou os peches- e para o traballo dos mariscadores legais. Os servizos sociais do concello da pasada lexislatura, a primeira en que o BNG formou parte do goberno municipal, contribuiron a deixar case solucionado o problema de exclusión social e seguridade cidadá máis dramático da Coruña: Penamoa. Inda que este é claramente menor, debería ser o seguinte obxectivo nese terreo, e deberíase enmarcar nun proxecto para aproveitar para o uso público esa zona de costa, respectando o medio.
Poboado da Pasaxe, nas ruínas da conserveira Celta

A día de hoxe este anaco de costa combina recheos para as instalacións industriais anteditas e zonas de rocha de intermareal. Estas últimas deben ficar así, sen cementalas para por paseos marítimos. En concellos veciños hai exemplos de cómo se pode actuar neses casos (Seixobranco en Oleiros ou o tramo entre Balcovo e Barrañán en Arteixo), deixando camiños transitábeis pero cun impacto ambiental mínimo.

Por suposto precisamos e úrxenos a todos e todas e polo tanto tamén ao goberno local, a recuperación da Ría, dende o comezo do Río Mero aínda que non estexa neste concello, ata o mar de Visma. Non podemos permitir por máis tempo que as administracións xoguen ao gato e o rato cos veciños cando a Comunidade Europea leva desembolsado cartos a moreas pra a recuperación desta Ría, onde foron a parar? Que lles van a contar aos inspectores da Comunidade cando pregunten onde están? Ou que se fixo cos cartos?

É tempo de traballar a reo co resto de concellos implicados e recuperar o que é noso, de todos e todas, non é dos franceses nin ingleses, e dos que ímos ao baño a Santa Cristina, ou pescar ás Xubias ou dar un paseo fluvial polo Mero, agora mesmo somos a vergoña dos que se achegan a visitarnos e ven o panorama dunha ría masificada de edificios, chea de lixo en practicamente todo o percorrido, con depósitos de lodos impedindo a saída de mareas e tamén a vida de organismos imprescindibeis, etc, etc . E así e todo a ría é un hábitat con tantas posibilidades que malia todas esas agresións segue a sorprender pola cantidade de fauna que acolle.

20 de dez. de 2011

Eivas do Barrio de Oza IV: medio ambiente primeira parte

En Oza en particular, nesas décadas levouse a cabo o recheo da meirande parte da franxa costeira e destinouse a actividades de grande impacto ambiental, que afectan á saúde medioambiental e humana. As agresións ao medio foron tantas que para descrebelas mínimamente precísanse varios artigos, asi que iremos por partes.

A franxa costeira I: os muelles de San Diego

A "Medusa" e varios dos depósitos de San Diego
 O litoral en que se atopaban o Castelo de San Diego e a Praia das Cañas foi recheado para construir instalacións portuarias e ferroviarias, alterando a paisaxe e eliminando o medio físico en que se asentaban flora e fauna costeiras. Boa parte deses terreos concedéronse á empresa estatal Repsol, hoxe privatizada e chamada REPSOL-YPF, para  a descarga e almaceamento de petróleo e derivados:  o peirao de San Diego pasou a acoller os depósitos de hidrocarburos e o comezo do oleoducto que atravesa a cidade, rodeando Os Castros e seguindo a Ronda de Outeiro ata a refinería. Os riscos que supoñen esas instalacións para a cidade e para Os Castros en particular son ben coñecidos.

Outros espazos adicáronse e adícanse á descarga de carbón para, entre outros destinos, a pranta térmica de Meirama en As Pontes, realizándose o transporte mediante camións ou trens que parten da estación de mercadorías de San Diego. O carbón, derivados sólidos do petróleo e mesmo produtos agrícolas coma fariña de soia, son unha fonte constante de partículas en suspensión, que afectan á saúde dos veciños de Oza e de toda a cidade, como manifestaron os responsabeis de saúde da Consellaría de Sanidade e moitos especialistas. Compre lembrar para que non o saiba que a contaminación atmosférica, especialmente os hidrocarburos aromáticos policíclicos, son canceríxenos e están aceptados coma unha das principais causas do incremento da incidencia de alerxias, alomenos respiratorias. Tamén causa danos nas fachadas das vivendas. Tentouse solucionar mediante o chamado “Pazo do carbón” ou “medusa”, unha cúpula que finalmente resultou ser inútil xa que o lignito baixo dela combustionaba, co cal seguiuse a almacear a ceo aberto. Ademáis de atentar contra a saúde humana e danar as edificacións, está xusto diante de onde desembarcan os turistas que chegan por mar.

O cesamento desas atividades de descarga depende da apertura do chamado porto exterior da Coruña, que en realidade está en Arteixo, pero existen dúbidas sobre a súa localización e descoñécese se poderá operar todo o ano ou só durante unha parte do mesmo. Esta obra empregouse como excusa para facer unha excepción na lei de costas que permitiría construír edificios de vivendas e oficinas nos terreos gañados ao mar, aducindo que os beneficios da venda das parcelas axudarían a financiar a obra. Non se pode permitir que despóis de castigar á cidade durante tantos anos rematen a xogada erguendo unha pantalla de edificios de grande altura pegados ao mar, que aumentarán a densidade urbana e o tráfico, estragarán a paisaxe e impedirán recuperar ese tramo de costa.