18 de nov. de 2012

Propaganda barata: a estrataxema do xoieiro

O escenario

Día 14 de novembro de 2012, Folga Xeral non só en Galiza e non só no conxunto do estado español, senón tamén en Portugal, Italia, Chipre e Malta, con paros e manifestacións en Grecia e actos de apoio por todo o continente europeo.

Protéstase contra unha campaña de destrución de dereitos sociais e laborais co obxectivo de privatizar servizos públicos e baixar salarios. En último termo o que os gobernos de dereitas pretenden é aumentar os beneficios dunhas poucas grandes empresas, sobre todo banca e aseguradoras, reducindo a importancia das rendas do traballo a favor das rendas do capital, das que vive unha minoría rendista, por moito que esta nova nobreza feudal cree postos a medida para finxir que traballa.

O paro en Galiza supera as 260.000 persoas. No conxunto do estado aumentou nun millón de persoas dende que o PP entrou no goberno, 600.000 dende unha reforma laboral que entre outras cousas nega o dereito á negociación colectiva, ao permitir a caducidade dos convenios. A patronal está a deixar pasar o tempo para que dentro duns meses queden sen efecto, co que o salario mínimo para calquera profesión pasará a ser o do estatuto dos traballadores: 640 euros.

A pobreza comeza a afectar a capas da poboación que nunca a coñeceran, tendo que recorrer á caridade para poder comer. Chégannos novas de persoas que se suicidan antes de que os bancos as boten das súas casas e as convirtan en indixentes.

Na Coruña a folga ten un éxito evidente, inda que desigual en función dos sectores, e a manifestación sobrepasa as 125.000 persoas.

A praza de María Pita ao final da manifestación: a maioría non puido entrar


O feirante

O medio de persuasión e adoutrinamento con máis peso en Galiza é dun grupo de información privado pero con financiamento público vía subvencións e campañas publicitarias, e con constante renegociación e perdón de débedas por parte das mesmas entidades financieiras que envían nenos, anciáns e persoas de calquera condición á rúa ou rouban os seus aforros a persoas ás que aseguran que están en lugar seguro.

Como é fácil de adiviñar trátase do grupo Voz, no que destaca La Voz de Galicia, seguido de RadioVoz e, a moita distancia en audiencia e influencia, inda que non en perdas económicas, V Televisión.


O conto

Con millóns de vidas arruinadas e traxedias humanas de fondo, a intrahistoria máis destacada polo grupo Voz é, tal como a narran eles, algo así: o dono dunha xoiería, un estabelecemento supostamente familiar na Rúa Real, pero que di ter empregados, négase a pechar ao paso dun piquete informativo. Discute con eles mentres poñen pegatinas no seu comercio (sen especificar que foi no exterior) e seica lle tiran “bolas de papel ardiendo”. Dilles que leva dende xaneiro do 2007 sen cobrar para poder pagar aos seus empregados, e que ninguén lle pode dar leccións de ética.

Tamén admite que non o agrediron “pero casi”. A historia remata cunha suposta clienta que segundo o xoieiro presenciara os moi espontáneos feitos e que ao día seguinte mércalle un anel que ela mesma di que non precisa, e que o fai para axudar inda que non se pode permitir moitos gastos.

A única información que aparece é a versión do dono do local, sen probas de ningunha caste nin entrevistas con ninguén máis. Na web do mesmo xornal atópase un vídeo en que se ve como el e o seu acompañante lanzan o seu discurso sen que os membros do piquete lle fagan nin un mal xesto.

A foto que acompaña o texto é absolutamente épica, un pousado haxiográfico: algo así como un cruce entre a portada dun disco de Camela e a imaxe máis difundida do “Ché” Guevara.


A testemuña alternativa

Quen escrebe estaba alí, formando parte do piquete informativo. Non fun o primeiro en falar con el, pero vin os feitos e dirixinlle a palabra para tentar razoar. O heroe da historia do grupo Voz saíu acompañado doutro home ao encontro dos piquetes, sen provocación previa e comezou a berrarlles botando en cara que fixesen ruído e que o animasen a apoiar a folga, para pasar inmediatamente a berrar a súa historia fronte a un cámara do Grupo Voz que se achegou xusto a tempo, case como se estivese acordado. A atitude dos dous homes saídos da tenda resultaba teatral.

Non houbo “bolas de papel ardendo” e as pegatinas puxéronse só no exterior, e máis ben poucas. Tras un par de discusións en que el semellaba buscar o contacto físico cos participantes no piquete achegueime e dixen que non pasaba nada, que só estabamos a informar. Inmediatamente repetiume a mesma historia de que levaba dende xaneiro do 2007 sen cobrar para poder pagar aos seus empregados, que ninguén lle podía dar leccións de ética, e engadiu que el déralle liberdade aos seus empregados para ir á folga. Parte do discurso foi unha repetición palabra por palabra, como nun guión de televisión. Todo isto berrando a pleno pulmón sen que eu tivese dito nada máis que “non pasa nada, só estamos a informar”, en ton francamente baixo.

Tras recitar as mesmas frases que xa empregara antes, seguiu berrando que non había dereito a berrarlle. Nese intre interrompino e dixen que por agora o único que berrara fora el e que eu apenas abrira a boca. Aproveitando que semellaba coller folgos díxenlle que non se arruinaría por pechar un día de folga, pero que si era posíbel que tivese que pechar se as políticas da dereita continuaban e a poboación se seguía a empobrecer e a consumir menos, e que por iso era importante que a folga se notase. Berrou novamente para dicir “eso no vale de nada y tengo más motivos para estar indignado que tú”. Deixando pasar a ocasión de lembrarlle que non nos coñeciamos en absoluto, díxenlle que non era certo, que en Portugal remataban de conseguir que o goberno dese marcha atrás en varios recortes, e que en folgas anteriores conseguírase que tanto PP como PSOE anulasen algúns artigos que perxudicaban enormemente aos traballadores.

Un compañeiro díxome que fósemos porque había que seguir o percorrido, e despedinme sen que por iso o self-made-man coruñés parase de falar a berros. Non lle din moita importancia: xa escoitara discursos semellantes, e o único que chamaba a atención era a actitude tetral, a impresión de que repetía un discurso aprendido e certa insistencia en tentar prolongar a discusión. 

 

O novo heroe do medio de adoutrinamento e persuasión máis importante de Galiza (e o que máis cartos públicos recibe)

Vendo a presentación desta persoa como se fose un mártir ocórrenseme varias cousas. A primeira é que a súa interpretación, con frases recitadas de memoria, berros, e dramatismo; a gravación e o xeito de difundila seguramente estivesen planificadas de antemán.

No que respecta ao grupo Voz, depende de subvencións de institucións gobernadas polo PP e de que as entidades que lle dan crédito lle permitan renegociar pagamentos unha e outra vez. Para saber por que fai algo ao mellor hai que pensar que defende a quenes lle pagan. Esta historia, sen máis base que as palabras dunha parte interesada, permite desviar a atención do éxito e os motivos da folga: á auténtica crise humanitaria que a dereita política e o capital financieiro están a provocar. E tamén serve para tentar presentar como energúmenos aos piquetes, cando os que participamos tivemos unha conducta pacífica e dende logo menos agresiva que o xoieiro-mártir. De feito non hai nada de que acusar aos sindicalistas, inda que diga que “casi” foi agredido, o que se traduce como que ninguén o agrediu pero que quere aproveitar para se facer a vítima.

Si que é probábel que a xoiería funcione mal, inda que por localización e tipo de produtos que vende sería de agardar que parte dos seus clientes sexan persoas de elevado poder adquisitivo, que nalgúns casos están a gañar inda máis cartos que antes coa suposta crise. Pero admitindo que apenas venda, inda que di que é dende comezos do 2007 (antes de que comezase a caer o consumo), ocórreseme que o xoieiro poderíase ter prestado voluntario para a campaña para gañar publicidade. Mesmo inclúese unha caste de exemplo a imitar en que unha muller merca unha xoia con intención de axudar, a xeito de doazón. Coido que ese detalle en particular é falso porque, contra o que dí a nova, estou relativamente seguro de que non había clientes na tenda nese intre.


O discurso

Aparte de que o conto da Voz anima directamente a mercar alí a xeito de contribución (ou pódese dicir esmola?), esta persoa lanzou varias ideas que considero perigosas: unha é que afirmou que el deulles aos empregados permiso para ir á folga, como se ese dereito fundamental dependese da súa autorización previa: se os empregados queren casar, ter fillos ou militar nun partido político tamén pensa que precisan a súa autorización previa?

Outra é que as folgas non valen de nada. É sinxelamente mentira. Se iso fose certo non se empregarían tantos esforzos en tentar limitalas ou rebentalas, e hai casos abondo en que conseguiron os seus obxectivos parciais ou totais.

Por último, fala de sacrificios para pagar as nóminas. É posíbel que non recolla beneficios relevantes, e o empresario como tal cobra deles, non dun soldo. Pero o salario dos traballadores non é un favor que lles conceda graciosamente, senón que é pagarlles polo traballo que fan do mesmo xeito que paga o subministro eléctrico: está obrigado a facelo. Os asalariados non teñen que deixar de cobrar cando a empresa vai mal do mesmo xeito que tampouco cobran máis nas épocas en que dá beneficios, nas que seguro que o empresario ve como normal gañar 10, 20, ou como en grandes empresas, 100 veces máis que un traballador. Se quere evitar ese problema, debería buscar asociados e que tanto el como eles repartan os beneficios se os hai.





13 de abr. de 2012

O PP tenta frear o envío dunha delegación europea para avaliar o estado das rías galegas

O Partido Popular, a través dos votos do seu grupo e da atitude obstrucionista do seu europarlamentario Carlos Iturgaiz, está a adiar o envío dunha expedición de eurodeputados a Galiza para avaliar o nivel de contaminación das rías do Burgo, Ferrol e Vigo e o uso dado ás axudas comunitarias para a instalación de depuradoras. Esta visita levaría aparellada a redacción dun informe que sería debatido no parlamento europeo e que podería exhortar a actuar aos gobernos da Xunta e do Estado. 
 
Ana Miranda
A parlamentaria do BNG Ana Miranda denunciou que o PP, que ocupa a Xunta e o goberno do Estado, semella preferir pagar as multas por incumprimento da normativa europea de calidade das augas antes que levar a cabo un saneamento integral que arranxe unha situación que supón unha constante degradación do medio ambiente, perdas económicas e de empregos, e riscos para a saúde da poboación.

En febreiro, Carlos Iturgaiz empregou como escusas a suposta prioridade de visitar a zona do levante, esquecendo ou querendo esquecer que xa existía un grupo de traballo específico e independente. Tamén se escudou en que o número de delegacións enviadas previamente ao estado español, por outras cuestións, desaconsellaba esta actuación, e mesmo conseguiu un adiamento para o 19 de marzo afirmando que se precisaba un informe sobre visitas anteriores ao estado español. Sen argumentos para poder negar a necesidade dunha actuación, o único que conseguiu foi aprazar a votación.

O día 19 de marzo Ana Miranda apoiou novamente o envío desa delegación, que sofreu un novo adiamento ata o 24 de abril, posto que o grupo popular non presentou o informe que reclamaba na votación anterior. Haberá que ver ata onde pensa chegar o PP coa súa atitude obstrucionista, pero a estratexia deste partido remata de se retratar novamente ao presentar os presupostos do Estado, que non inclúen unsó céntimo para o saneamento e recuperación da ría do Burgo.

20 de mar. de 2012

O PP pretende desfacer as melloras realizadas na Avenida de Oza

Avenida de Oza
Empregando como escusa un informe do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), que non fixeron público, o PP de Negreira pretende eliminar a mediana axardinada da Avenida de Oza, vía que insisten en chamar “Avda.del General Sanjurjo”, en homenaxe a un militar fascista que colaborou con Primo de Rivera, tentou dar un golpe de estado en 1932 e tería ocupado o lugar de Franco de non ter morto nun accidente de aviación.

Seguindo a filosofía “Feijoniana” de desfacer todo o que ten feito o goberno anterior, pretenden levantar a mediana a arrincar toda a arboreda que hai plantada. En lugar de apostar polos corredores verdes, para abrir os barrios e a cidade aos veciños e veciñas, apostan polo modelo fracasado de meter máis e máis coches na cidade, incrementando aínda máis a contaminación. É un modelo fracasado porque que vai contra os intereses dos veciños e do comercio local, empeorando a calidade de vida e arruinando o pequeno comercio, priorizando o vehículo particular a outros medios alternativos de transporte.

O mesmo goberno local que cobrará pola axuda a domicilio a persoas con discapadidade que dispoñan de máis de 532,51 euros ao mes (unha cifra por embaixo do salario mínimo interprofesional), que cobrará 125 euros por cada voda civil no Concello, que está a permitir a degradación da Gaiteira ao cubrir os adoquíns soltos con asfalto, que permite que aos nenos da escola infantil de Eirís se lles racione a comida e que recorta nas partidas para educación; está disposto a desperdiciar centos de miles euros para desfacer o feito. De seguro que a cantidade final será moito maior da que nos anuncien.

Os argumentos “técnicos” presentados polo PP son sinxelamente falsos: respecto dos requirimentos do Código Técnico da Edificación, o Grupo Municipal do BNG precisa que é máis que discutíbel que o CTE sexa de aplicación ás obras de reurbanización en espazos consolidados, pero mesmo así, o que se require é un ancho de viario mínimo de 3,5 metros (ten 3,67 metros) e un ancho libre (que pode incluír, polo tanto, as beirarrúas), de 5 metros (que tamén cumpre). Polo tanto, a Avda de Oza cumpre co Documento Básico de Seguridade en caso de Incendio incluído no CTE. Se aplicasen os mesmos criterios a toda a cidade terían que desfacer a meirande parte das rúas, arrincar miles de árbores, de bancos, de prazas...

A motivación de fondo do PP semella ser contentar a unha parte dos comerciantes da Avenida de Oza, aos que previamente manipulou coa falsa idea de que impedir o estacionamento de coches en dobre fila afectaría ás vendas dos seus negocios. Dende o BNG rexéitase esa idea por completo: a dobre fila dificulta o tránsito de coches e autobuses, ocasiona problemas aos que fican “atrapados”, aumenta os ruídos e fai a zona moito menos atraente para paseantes e potenciais clientes. Hai numerosos exemplos de zonas nas que mesmo se prohibiu a circulación de vehículos e que melloraron o seu perfil comercial: dende a cidade de Pontevedra ata a Avenida dos Mallos.
As auténticas ameazas para o comercio local son dous cambios que contan co apoio absoluto do PP: a reforma laboral, que fará que os soldos da maioría da poboación se reduzan dramáticamente, facendo así que o consumo afunda, e a proliferación de centros comerciais, que chegou a uns extremos tan absurdos que parte destes pódense considerar un absoluto fracaso. A colección de disparates que supoñen estes centros, que exceden a capacidade de compra da Coruña e comarca, e sobre a que o PP e PSOE non din nada, dará para outro artigo.

29 de fev. de 2012

Por que pode desaparecer o sector financieiro galego e cales son as consecuencias

A centralización do sector financeiro no estado español: unha decisión política

Case todas as fusións entre caixas de aforros promovidas polo pacto PP-PSOE de xuño do 2011 instalaron as súas sedes centrais en Madrid. O mesmo acontece coas absorcións de bancos privados. Os directivos e persoal técnico, tanto trasladados como novos contratos, estanse a instalar nesa cidade. Mercan ou alugan vivendas, realizan as súas compras, gastan en restaurantes e empregan o aeroporto de Barajas e outros medios de transporte. Este desprazamento de poboación laboral e as súas familias, moitos cun nivel adquisitivo de alto a moi alto, supón unha auténtica avalancha de ingresos para Madrid e un auténtico saqueo para a meirande parte do estado español.

Antiga central do Banco Pastor
A perda dos empregos dos servizos centrais (financeiros, xurídicos, plataformas informáticas e servizos externos) das entidades absorbidas ou fusionadas pode afundir economicamente e mesmo demograficamente a cidades enteiras. A masa salarial trasladada deixará de consumir nas cidades e comunidades de orixe, o que xunto coa crise que estamos a sufrir, arruinará grande parte dos comercios e pequenas empresas das localidades, comarcas e mesmo comunidades autónomas afectadas.

Os impostos de sociedades, IVA, gastos xurídicos, etc. desas entidades financeiras agora centralizadas pagaranse en Madrid, o que suporá unha enorme fonte de ingresos para a capital do estado e unha agresión aínda meirande para practicamente todas as demais comunidades autónomas. As que mellor resisten esta recentralización son Euskadi e Catalunya, precisamente por seren conscientes da ameaza que supón un estado que privilexia a alta burguesía asentada en Madrid.

Esta auténtica reorganización do estado español non é casual nin inocente: está pactada por PP e PSOE, e non admite outra interpretación que non sexa a de que é unha recentralización e un plan para trasladar os centro de decisión a Madrid, o que minimizará os efectos da crise na capital a cambio de agravala no resto do estado.


O impacto en Galiza

En Galiza, e concretamente na Coruña, xa tivo lugar a absorción do Banco Pastor polo Banco Popular, e xa se está a despedir aos traballadores dos servizos centrais da entidade ex-coruñesa. O Pastor xa non existe como tal, aínda que non lle cambian o nome ás oficinas para evitar perder clientes. Os centros de traballo en Montealto e nos Cantóns serán desmantelados case por completo, reducidos a unha simple dirección “rexional”. Son máis de 1000 empregos de traballo directos, e moitos máis indirectos, polo peche ou baixada de actividade de empresas que traballaban coa entidade.

Protesta dos traballadores da Caixa
A Caixa galega, resultante da fusión de Caixanova e Caixa Galicia (lembremos que a alternativa que daba o Banco de España era fusionarse con caixas doutras comunidades poñendo a sede en Madrid), tras ser intervida polo Estado despois de esixirlle condicións-trampa, moito máis duras que aos bancos, está ameazada por unha nova reforma do sistema financeiro, aprobada cos votos a favor de PP e PSOE no parlamento español. Se como pretenden é absorbida por un dos grandes bancos “españois” (máis ben madrileños), construídos a base de privatizacións e fusións con presións políticas, Galiza e sobre todo A Coruña, quedarán sen sector financeiro. A perda de poder e autogoberno, o alonxamento dos centros de decisión na concesión de créditos e a perda de impostos, emprego e poboación  pode facer que o que noutros lugares é unha crise aquí sexa unha catástrofe. Só na Coruña, os servizos centrais da caixa xeran máis de 2000 empregos directos e moitos máis indirectos. A súa perda, a desaparición da obra social e a desvalorización de locais, terreos, etc… poden ser para a nosa cidade como a reconversión naval para Ferrol: unha sentenza de morte que leve á mocidade ao paro e a marxinalidade ou á emigración en masa, facendo que a poboación decreza e se converta nunha cidade pantasma.

Nin o goberno local de Negreira (PP) na Coruña, nin o de Feijóo (tamén PP) en Galiza están a facer nada por evitalo. O segundo mesmo expresou a súa satisfacción coa perda do Pastor.

19 de fev. de 2012

A Xunta retira leite e zume do almorzo de media mañá dos nenos da escola infantil de Eirís

Interior dunha escola infantil da Xunta
Nais e pais de nenos da escola infantil de Eirís denuncian que a Xunta suprimiu o leite e os zumes da merenda de media mañá, que pasará a incluír só pan e froita.
 
Non podemos entender como a Xunta de Galiza pode tomar unha medida deste tipo, antepoñendo unha cuestión económica -miserenta pois as cantidades das que falamos son ridículas- por riba de criterios educativos e de saúde. Ademáis isto ten lugar despóis de que a propia Xunta aumentase nun 50% o prezo das escolas infantís públicas e cando está a comezar a privatizar este servizo público básico.

Os recortes en educación, e en saúde como é neste caso, adoitan saír caros a medio e longo prazo. A escola debe procurar educar naquelas cuestións que nos permitan unha mellor calidade de vida e os hábitos alimenticios son unha parte fundamental. Repítese en moitas ocasións que temos un grave problema coa alimentación dos máis pequenos, cunha elevada taxa de obesidade infantil, polo que cómpre traballar ese aspecto da nosa vida e darlle a importancia que merece.

Unha vez máis, os recortes caen sempre do mesmo lado. Neste caso sobre un colectivo moi vulnerable e no que temos que poñer todo o investimento necesario pois estamos formando os adultos do futuro e polo tanto a sociedade dos vindeiros anos.

25 de jan. de 2012

Os mariscadores da Ría do Burgo seguen a reclamar o que xa se pode comezar a considerar "o de sempre"

A Cofraría de de Mariscadores a Pé da Coruña está a levar a cabo unha campaña de mobilizacións para presionar á Xunta. As súas reclamacións son xa antigas e contan cun grande apoio cidadán: esixen o saneamento e dragado da Ría do Burgo, o control do furtivismo e que se lles paguen as mensualidades atrasadas das compensacións que a Xunta lles debe.

Ademáis, denuncian o xeito en que o goberno galego do PP pretende manipular a interpretación dos informes técnicos sobre a contaminación. En pleno peche polos verquidos de queroseno e gasoil, pretende empregar datos de toxinas máis habituais para 'descontalo' do tempo de prohibición de recollida debido á contaminación por hidrocarburos. É dicir: se durante varios meses pechan a ría polo queroseno e nese tempo hai semanas en que hai niveis de toxinas altos, pretende facer crer que a contaminación por queroseno durou menos.

Despóis dunha suspensión provisional das protestas, en sinal de boa vontade antes de se entrevistar coa Conselleira do Mar (Rosa Quintana), a ausencia de respostas concretas levounos a continuar coas mobilizacións previstas, todas coas correspondentes autorizacións do goberno civil. Tras a manifestación en María Pita do venres 20 e a ocupación dun carril da Ponte da Pasaxe o luns 23 de 8:00 a 9:00, os seguintes actos serán o venres 27 de 11:00 a 12:00 diante da Delegación do Goberno na Coruña e o luns 30 de 8:00 a 9:00 na Ponte da Pasaxe, téndose solicitado a ocupación dun carril.

Acto na Pasaxe

As demandas

As tres cuestións principais están en parte relacionadas: a Xunta non cumpre a súa obriga de sanear a Ría do Burgo, impedindo dunha vez os verquidos e realizando un dragado que retire lodos e contaminantes acumulados durante décadas. Isto leva a ter que compensar económicamente aos mariscadores polas xornadas que se lles impide traballar, polas zonas pechadas ao marisqueo, pola baixada de calidade e cantidade nas capturas e polos novos límites a estas. A única solución que se lles deu ata agora é a depuración nunha batea de descontaminación en Ferrol, que carece da capacidade precisa e que só lles permite traballar 5 ou 6 días ao mes. Ademáis, esas medidas non son máis que parches que non solucionan o problema real, que é a degradación medioambiental das rías galegas. Máis que protexer o noso medio e facelo viábel a longo prazo, semella que pretenden calar ou reducir as protestas dun dos colectivos que máis levan loitado por defender a nosa costa. Tanto os traballadores do mar como ADEGA reclaman a fin dos verquidos e a limpeza de lodos. Neste vídeo pódese ver que a situación arrástrase dende fai tempo:



As capturas redúcense inda máis polo furtivismo, que non se está a controlar nin a prever eficazmente. O seu principal foco está no poboado chabolista da Pasaxe, que habería que desmantelar de xeito semellante a como se fixo con Penamoa. Por razóns humanitarias pero tamén de prevención da delincuencia e mesmo de seguridade alimentaria, posto que os furtivos non cumpren con nengunha das regulacións (peche de zonas, depuración, etc.) que pretenden protexer a saúde da poboación: non hai que esquecer que os moluscos extraídos ilegalmente de zonas contaminadas (bacterias infecciosas, toxinas, metais pesados e en xeral esa caste de cousas que de cando en vez provocan algunha desgraza) rematan sendo vendidos e consumidos.


A día de hoxe a Xunta non está a pagar as compensacións que debe por non cumprir coas súas obrigas. Só aos mariscadores -80 persoas que pretenden vivir da súa profesión, ameazada porque as administracións están a permitir a destrución do noso medio natural- débelles 140.000 euros.  A débeda coa cofraría en sí é moito meirande. O PP semella non ter interese en preservar e potenciar un sector con capacidade de xerar emprego se a Xunta cupre coa súa obriga de protexer o medio ambiente. Talvez o problema é que non se trata dunha actividade que resulte fácil depositar nunhas poucas mans afíns, e ese semella ser a principal inquedanza dun goberno que non ten feito nada para potenciar o emprego, alomenos aquí. No Perú inda deben a estar a lle agradecer a Feijóo que trasladase alí, previa privatización sen concurso e sen aforrar absolutamente nada, o servizo galego de urxencias. Claro está que eses postos de traballo son un lastre no proxecto do PP para controlar o paro: facer que a xente en idade de traballar perda toda esperanza e emigre.

27 de dez. de 2011

Eivas do Barrio de Oza V: medio ambiente terceira parte

Ademáis da contaminación mariña, coas relativamente frecuentes mareas negras, A Coruña ten o seu próprio e espectacular historial de problemas coa xestión de residuos: o afundimento do verquedoiro de Bens no 10-09-1996, cunha vítima mortal e o desaloxo de 300 veciños do Portiño, destapou a ausencia dunha auténtica xestión de residuos, que levaban anos amoreándose sen máis. O goberno municipal de Francisco Vázquez, ese “socialista”, decatouse de que un desastre así podíalle custar o posto e organizou un “contraataque” co apoio mediático do grupo Voz. O fedor intermitente, en función da direción do vento, durou anos. Apurando os prazos, realizouse un soterramento do verquedoiro, creando un novo parque sobre o mesmo e presentouse unha alternativa para a recollida e xestión de residuos orgánicos e inorgánicos a través da pranta de tratamento de Nostián, que comezou a operar en 1999 para a fracción inorgánica e un ano despóis para a orgánica.

Con antecedentes así agárdase un compromiso serio da alcaldía coa descontaminación da cidade en todos os sentidos, formando á xente no consumo responsabel; na reciclaxe de todo tipo de materiais, mesmo aceites domésticos que hoxendía van parar aos sumidoiros, ampliando e facilitando o acceso aos puntos limpos para evitar que os nosos montes se enchan de plástico, colchóns e electrodomésticos; sancionando a aquelas empresas ou particulares que incumplan de xeito reiterado a Lei vixente nesta materia, e tamén buscar o xeito de recompensar a aqueles que fagan por recuperar o medio ambiente, para incentivar á xente a coidar o que temos e a deixar unha herdanza en condicións aos nosos fillos e netos.

O parque de Oza

Un asunto pendente é valorizar as fontes naturais que emanan do novo parque de Oza e dos seus arredores, que emerxen á superficie en pésimas condicións e sen solución de sumidoiros e canalizacións. Esta auga remata saindo ao mar despóis de se incorporar ao Río de Monelos, agochado por unha canalización que xamais debeu de existir. Pedimos que na medida do posibel o Concello levante esta condea ao río que foi símbolo da vida de Oza e o deixe á vista dos cidadáns para recordo e lembranza: neste senso instamos ao Concello a que faga un estudo e posterior sanción a todos aqueles edificios que conectaron as súas redes de augas residuais directamente ao Río, contaminando dende aqueles anos o noso mar e porén prexudicando de maneira flagrante a esta cidade e os seus veciños e veciñas. Que paguen logo por isto.