Esta operación supón unha absorción en toda regla, a través da cal o banco coruñés desaparecerá fagocitado pola entidade con sé en Madrid, malia que coma estratexia de márketing pretendan manter a imaxe do Banco Pastor nas oficinas do territorio galego. A cotización pasará a se pagar en Madrid e as decisión estratéxicas tomaranse nesa cidade. As perspectivas inmediatas dos milleiros de persoas que traballan nos servizos centrais do banco na Coruña son sinxelamente pésimas: un só banco non precisa de dous sistemas informáticos, co que os centos de persoas que traballan no centro de procesamento de datos de Montealto ven perigar o seu futuro; e o mesmo pódese dicir dos empregados dos servizos financieiros no centro da cidade.
Parte deses postos serán eliminados, outros trasladados a Madrid, e A Coruña perderá non só ese emprego, senón tamén o potencial de consumo de todos eses traballadores, moitos cun poder adquisitivo meirande que o promedio, o que rematará destruíndo actividade e empregos noutros sectores: comercio, hostelería, inmobiliario, etc.
Esta absorción supón un dos ataques máis duros á economía galega dos últimos anos: a destrución, por agora só parcial, do sector financieiro galego deixará a Galiza con moita menos autonomía real e lastrará o noso desenrolo durante décadas: os criterios para realizar grandes inversións e conceder préstamos realízanse tamén con criterios xeográficos.
Este dano será inda moito meirande se a recentemente bancarizada Novacaixagalicia Banco sofre un proceso semellante. No caso da Coruña, a perda do Pastor suporá un golpe demoledor. A posibilidade de que a caixa corra o mesmo destino traduciríase nunha auténtica catástrofe semellante á que sofreu Ferrol coa reconversión do naval: paro, emigración e degradación da cidade e a súa contorna.
Fronte a estes ataques, a Xunta e Feijóo reaccionaron cunhas declaracións absolutamente delirantes, afirmando que era positivo que se vendesen as acción a un bó prezo. O suposto alcalde, Carlos Negreira, non semella asumir nengunha responsabilidade máis aló de dicir que non é unha boa nova. En intres coma estes é cando se ven as consecuencias de ser gobernados por unha sucursal dun partido con sé en Madrid. O triste é que haxa unha parte da cidadanía o suficientemente alienada para apoialos co seu voto. A ausencia de ideas e de respostas de PP e PSOE, que acordaron a privatización das caixas e a concentración do poder financieiro en Madrid contrasta coa atitude construtiva do BNG, que propuxo que fose a Xunta quen mercase participacións na caixa galega, co cal gañaríamos autonomía e poderíamos potenciar o desenrolo económico e social en Galiza, evitando a xestión “independente” e “técnica” (é dicir, especuladora e centrada no curto prazo) que leva a grande parte do sector ao colapso, e con él ao resto da sociedade.
Unha das preguntas que nos podemos facer é: os clientes coruñeses e galegos do Pastor van permitir que a nosa cidade e o noso país afundan? Este feito non debería facer que repensásemos onde gardamos os nosos aforros?

Nenhum comentário:
Postar um comentário