![]() |
| Os Castros e a ría vistos dende o Castrillón |
O acceso á costa, tanto ao peirao como á praia de Oza, descoidouse desaproveitando espazos que poderían ter sido integrados paisaxísticamente e como zonas de ocio. O uso dos muelles de San Diego para descarga de carbón e derivados do petróleo tampouco supuxo unha axuda e as instalacións de Repsol ocuparon terreos e derrubaron patrimonio como o Castelo de Oza, desfeita que aínda hoxe padecemos.
Non todas as décadas foron iguais e non todas as actuacións foron negativas: nos últimos anos abríronse zonas verdes coma os parques de Oza ou Eirís, contamos con centros sociais municipais que funcionan relativamente ben e rúas coma A Gaiteira e a Avenida de Oza tiveron un lavado de cara. Nesta última segue pendente o cambio de nome pola lei da memoria histórica.
Para comezar o listado de eivas do barrio, imos incluir as referidas á recuperación e posta en valor de elementos xa existentes.
1) A cuestión patrimonial
Os principais asuntos pendentes nesa área serían:
- Recuperación da que foi Casa do Concello de Oza, restauración e devolución como casa museo ao Barrio de onde non debeu saír ás mans privadas. Situada na Rúa Montes. A Asociación de Veciños lévaa reivindicando a petición dos veciños e veciñas dende hai unha chea de tempo, quedaría perfectamente integrada no novo Parque de Oza.- Rexeneración e posta en valor da Praia de Oza como parte que foi da antiga Lazareto. En convenio co Porto poderíase ampliar integrando os antigos varadoiros e sen maior gasto. Non pedimos un paseo marítimo, ao contrario: non queremos ningunha actuación nese senso.
- Pedimos que a través dun convenio entre Concello e Adif, ésta se comprometa á limpeza e mantemento da contorna do camiño de ferro e a proxectar e executar unha rampa máis ancha que voando por riba do camiño de ferro leve á praia: a que hai hoxendía non ten sentido dado o volume de bicis e peóns que a atravesan.
- Tamén reclamamos a recuperación do Faro de Oza e que sexa devolto aos veciños e veciñas como aula do mar e dos mariñeiros da Ría (aula polivalente de: exposicións, reunións, charlas e conferencias).
- Recuperación e restauración da Capela de Oza. Xunto co Faro pódense complementar constituíndo un bó espazo de exposicións. Hoxendía está abandoada, e merece especial atención xa que caeron bastantes pezas dos alares do tellado co conseguinte risco. Precisa unha actuación de restauración inmediata e que quede transferida en mans do Concello para evitar a pelexa de responsabilidades sobor do patrimonio.
- Tamén urxe instar a quen corresponda á restauración inmediata das casas modernistas da Avenida de Oza.

Nenhum comentário:
Postar um comentário