20 de ago. de 2011

En que consisten as privatizacións: os centros de día de Eirís e Monte Alto

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asegurou o 27 de xullo que a apertura dos centros de día de Eirís e Monte Alto tería lugar despóis do verán. Estes centros foran planificados e presupostados polo bipartito, concretamente pola vicepresidencia dirixida por Anxo Quintana. No seu deseño orixinal formarían parte dunha rede galega de centros de día públicos, xestionada directamente pola Xunta.
 
Estes equipamentos pretendían satisfacer unha necesidade: proporcionar unha atención integral e de calidade a persoas maiores con problemas de saúde asociados á súa idade, evitando sacalos da súa contorna e permitíndolles conservar certa autonomía. Nun centro de día os usuarios reciben a atención e o control da súa saúde que precisan, permanecen acompañados e implícaselles en actividades para aprender novas habilidades ou evitar a perda das que xa posúen.
 
Nesta área pódese dicir sen dúbidas que as residencias e centros privados non estaban a satisfacer as demandas da poboación. Estes varían moito en canto a calidade, pero mesmo aqueles nos que as condicións son discutíbeis cobran máis de 1.500 euros ao mes por persoa, chegando a 6.000-7.000 naqueles nos que a calidade da atención semella estar garantida. Estes prezos están fóra do alcance da maioría da poboación, o que leva a que o coidado de anciáns dependentes caia sobre os propios familiares, que en moitos casos non poden dispor do tempo preciso. Nalgúns casos recórrese á contratación, xeralmente irregular e a tempo parcial, de coidadoras sen coñecementos sanitarios e sen medios materiais. Noutros son os familiares quenes fan turnos para atendelo, tamén con moitas limitacións por diversos motivos. En xeral pódese dicir que nos casos realmente graves (demencias, parálises, etc.) a cantidade de traballo que supón afecta moi negativamente aos coidadores, ao ser difícil de compaxinar coa vida laboral e privándoos en moitos casos do tempo preciso para outras tarefas ou para o descanso. Ademáis, a atencion que se pode aportar con calquera das dúas opcións ten moitas limitacións: moitos anciáns nesa situación pasan grande parte do tempo sós e non dispoñen dos recursos e actividades que como xa comentamos axudan a paliar perdas cognitivas, de mobilidade, etc.
 
<u>Posto que semella que os centros van ser abertos, cal é o problema?</u>

En realidade hai varios: o atraso respecto dos plans iniciais xa sería salientábel, pero o máis grave é que estes centros que ían ser de xestión pública van ser cedidos polo PP a xestores privados, e que en vez das 160 prazas previstas vai haber únicamente 80.
 
A xestión pública consistía en que sería a Xunta quen contratase ao persoal, esixindo titulacións axeitadas, pagando soldos conforme a convenio e determinando os recursos en función das neceseidades do centro. En contraposición, a privatización dun servizo público coma este supón introducir un intermediario: a empresa xestora. A esta garántenselle uns ingresos fixos simplemente por contratar persoal e suministros para o centro, e pasa a funcionar coma un centro privado agás por dous condicionantes: non estabelece os criterios de elección dos usuarios e non determina prezos.
 
Nesas circunstancias, un xestor privado que pretende maximizar beneficios só ten unha opción: gastar menos. Iso supón reducir o persoal ao mínimo e ofrecer peores soldos, resultando en que atrae a traballadores menos formados, menos motivados e con máis risco de sofrer estrés ao non estar satisfeitos coas suas condicións laborais; gastar menos en material e cortar calquera inversión máis aló de satisfacer o mínimo imprescindíbel para que non haxa denuncias (ou alomenos non moitas).
 
A Xunta seguirá a gastar o mesmo (e posíbelmente máis) para ofertar un servizo peor. Un poderíase preguntar cal é entón a razón para adoptar este sistema, que a Xunta do PP está a aplicar tamén en sanidade e educación infantil. Sen necesidade de facer moitos esforzos, vese que aquí entra unha terceira parte ademáis dos cartos públicos e os usuarios: os chamados xestores privados. A éstes entrégaselles o uso de instalacións públicas e regálaselles un negocio seguro, prácticamente sen nengún risco e no que sempre van gañar. Dito doutro xeito: aínda que penalmente non está tipificado, a privatización de servizos públicos supón regalar diñeiro e recursos públicos a persoas (físicas ou xurídicas) privadas, e elexir estes dun xeito que na práctica é discrecional: o PP pódelle “solucionar a vida” a persoas da súa contorna a costa dos impostos de todos. Os beneficiarios e os seus achegados son conscientes desa dependencia e en moitos casos pasan a apoiar persoal e económicamente a ese mesmo partido. Dito doutro xeito: o PP pasa a empregar os cartos de todos en tecer redes de influenza perxudicando ao conxunto da poboación, que terá un servizo que atenderá á metade de xente, con menor calidade e ofertando postos de traballo de peor calidade, sen que iso supoña un aforro para as contas públicas.

Nenhum comentário:

Postar um comentário