1 de ago. de 2011

Pintan bastos

Este blogue bota a andar nunha época que pode ser considerada difícil: boa parte do mundo está a padecer unha crise financieira que no caso do estado español e da periferia europea en xeral está a resultar especialmente dura, e que en Galiza vai acompañada dun intento de recentralización política e económica do estado español.

No caso de A Coruña dáse unha situación que con certas peculiaridades é semellante á doutras cidades galegas: por moita propaganda que se emitise durante os anos da burbulla inmobiliaria, hai varias xeracións de coruñeses que medraron e viviron nunha situación de crise permanente durante as dúas últimas décadas. Agás un par de fenómenos coma o da construción, máis pasaxeiro aquí que noutros lares, os niveis de paro oscilaron entre bastante elevados e moi elevados durante este periodo. En Galiza hai un feito claro: durante o bipartito o paro evolucionou mellor que no promedio do estado español; co PP na Xunta, tanto antes coma despois, a situación é a contraria.

Os salarios levan máis de 20 anos caendo en relación aos prezos, en paralelo á desregulación do mercado do traballo, a famosa ‘flexibilidade’. Moitas persoas, sobre todo as que comezaron a súa vida laboral neses anos, teñen un poder de compra claramente menor que a xeración dos seus pais, mesmo contando cun nivel de formación normalmente moito máis elevado; e a iso hai que engadir unha enorme inestabilidade no emprego, que fai moi difícil calquera planificación a medio-longo prazo.

Nestas décadas foise aplicando a chamada doutrina neoliberal: privatizáronse empresas públicas, flexibilizouse o mercado laboral (é dicir, reducíronse os dereitos dos traballadores), deixouse liberdade de actuación ao sector bancario e liberalizouse o mecado do chan. A situación actual é o resultado desas políticas. Tamén aumentou a concentración da riqueza. Talvez esa última sexa a razón de que dende os medios de comunicación, propiedade desa minoría, nos estexan a dicir que a solución é levar ata o extremo as mesmas medidas que están a levar a grande parte da poboación á pobreza.

Nenhum comentário:

Postar um comentário