![]() |
| Avenida de Oza |
Empregando como escusa un informe do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), que non fixeron público, o PP de Negreira pretende eliminar a mediana axardinada da Avenida de Oza, vía que insisten en chamar “Avda.del General Sanjurjo”, en homenaxe a un militar fascista que colaborou con Primo de Rivera, tentou dar un golpe de estado en 1932 e tería ocupado o lugar de Franco de non ter morto nun accidente de aviación.
Seguindo a filosofía “Feijoniana” de desfacer todo o que ten feito o goberno anterior, pretenden levantar a mediana a arrincar toda a arboreda que hai plantada. En lugar de apostar polos corredores verdes, para abrir os barrios e a cidade aos veciños e veciñas, apostan polo modelo fracasado de meter máis e máis coches na cidade, incrementando aínda máis a contaminación. É un modelo fracasado porque que vai contra os intereses dos veciños e do comercio local, empeorando a calidade de vida e arruinando o pequeno comercio, priorizando o vehículo particular a outros medios alternativos de transporte.
O mesmo goberno local que cobrará pola axuda a domicilio a persoas con discapadidade que dispoñan de máis de 532,51 euros ao mes (unha cifra por embaixo do salario mínimo interprofesional), que cobrará 125 euros por cada voda civil no Concello, que está a permitir a degradación da Gaiteira ao cubrir os adoquíns soltos con asfalto, que permite que aos nenos da escola infantil de Eirís se lles racione a comida e que recorta nas partidas para educación; está disposto a desperdiciar centos de miles euros para desfacer o feito. De seguro que a cantidade final será moito maior da que nos anuncien.
Os argumentos “técnicos” presentados polo PP son sinxelamente falsos: respecto dos requirimentos do Código Técnico da Edificación, o Grupo Municipal do BNG precisa que é máis que discutíbel que o CTE sexa de aplicación ás obras de reurbanización en espazos consolidados, pero mesmo así, o que se require é un ancho de viario mínimo de 3,5 metros (ten 3,67 metros) e un ancho libre (que pode incluír, polo tanto, as beirarrúas), de 5 metros (que tamén cumpre). Polo tanto, a Avda de Oza cumpre co Documento Básico de Seguridade en caso de Incendio incluído no CTE. Se aplicasen os mesmos criterios a toda a cidade terían que desfacer a meirande parte das rúas, arrincar miles de árbores, de bancos, de prazas...
A motivación de fondo do PP semella ser contentar a unha parte dos comerciantes da Avenida de Oza, aos que previamente manipulou coa falsa idea de que impedir o estacionamento de coches en dobre fila afectaría ás vendas dos seus negocios. Dende o BNG rexéitase esa idea por completo: a dobre fila dificulta o tránsito de coches e autobuses, ocasiona problemas aos que fican “atrapados”, aumenta os ruídos e fai a zona moito menos atraente para paseantes e potenciais clientes. Hai numerosos exemplos de zonas nas que mesmo se prohibiu a circulación de vehículos e que melloraron o seu perfil comercial: dende a cidade de Pontevedra ata a Avenida dos Mallos.
As auténticas ameazas para o comercio local son dous cambios que contan co apoio absoluto do PP: a reforma laboral, que fará que os soldos da maioría da poboación se reduzan dramáticamente, facendo así que o consumo afunda, e a proliferación de centros comerciais, que chegou a uns extremos tan absurdos que parte destes pódense considerar un absoluto fracaso. A colección de disparates que supoñen estes centros, que exceden a capacidade de compra da Coruña e comarca, e sobre a que o PP e PSOE non din nada, dará para outro artigo.

Nenhum comentário:
Postar um comentário