Despóis do primeiro artigo sobre as eivas medioambientais do barrio, centrado na zona portuaria de San Diego, temos que lembrar o resto da costa de Oza, entre o tramo anterior e a ponte da Pasaxe, que marca o linde do concello e á vez define o comezo da zona interior da Ría do Burgo, posto que é alí onde son máis evidentes os depósitos de area, lama e materia orgánica que dificultan a circulación da auga.
A franxa costeira II: da praia de Oza á Pasaxe
O litoral dende a praia de Oza ata a Ponte da Pasaxe está moi abandoado: non hai accesos axeitados e boa parte está ocupada por ruínas de antigas fábricas ocupadas por chabolistas que viven nunhas condicións indignas. Unha parte deles adícanse ao marisqueo furtivo sen control algún, constituíndo unha ameaza para a seguridade alimentaria -non respectan as zonas non autorizadas ou os peches- e para o traballo dos mariscadores legais. Os servizos sociais do concello da pasada lexislatura, a primeira en que o BNG formou parte do goberno municipal, contribuiron a deixar case solucionado o problema de exclusión social e seguridade cidadá máis dramático da Coruña: Penamoa. Inda que este é claramente menor, debería ser o seguinte obxectivo nese terreo, e deberíase enmarcar nun proxecto para aproveitar para o uso público esa zona de costa, respectando o medio.
![]() |
| Poboado da Pasaxe, nas ruínas da conserveira Celta |
A día de hoxe este anaco de costa combina recheos para as instalacións industriais anteditas e zonas de rocha de intermareal. Estas últimas deben ficar así, sen cementalas para por paseos marítimos. En concellos veciños hai exemplos de cómo se pode actuar neses casos (Seixobranco en Oleiros ou o tramo entre Balcovo e Barrañán en Arteixo), deixando camiños transitábeis pero cun impacto ambiental mínimo.
Por suposto precisamos e úrxenos a todos e todas e polo tanto tamén ao goberno local, a recuperación da Ría, dende o comezo do Río Mero aínda que non estexa neste concello, ata o mar de Visma. Non podemos permitir por máis tempo que as administracións xoguen ao gato e o rato cos veciños cando a Comunidade Europea leva desembolsado cartos a moreas pra a recuperación desta Ría, onde foron a parar? Que lles van a contar aos inspectores da Comunidade cando pregunten onde están? Ou que se fixo cos cartos?
É tempo de traballar a reo co resto de concellos implicados e recuperar o que é noso, de todos e todas, non é dos franceses nin ingleses, e dos que ímos ao baño a Santa Cristina, ou pescar ás Xubias ou dar un paseo fluvial polo Mero, agora mesmo somos a vergoña dos que se achegan a visitarnos e ven o panorama dunha ría masificada de edificios, chea de lixo en practicamente todo o percorrido, con depósitos de lodos impedindo a saída de mareas e tamén a vida de organismos imprescindibeis, etc, etc . E así e todo a ría é un hábitat con tantas posibilidades que malia todas esas agresións segue a sorprender pola cantidade de fauna que acolle.

Nenhum comentário:
Postar um comentário