24 de nov. de 2011

A Xunta do PP desactiva a tarxeta sanitaria das persoas que levan un ano en paro

A Consellería de Sanidade dirixida por Pilar Farjas (PP) está a desactivar a tarxeta sanitaria ás persoas que levan máis de 12 meses no paro, sen avisalos de nengún xeito.
Así, ás persoas que se atopan en situación de desemprego prolongado e que acoden a pedir cita co médico estáselles a negar a atención sanitaria, e aos que teñen que empregar os servizos médicos de urxencias obrígaselles a asinar un compromiso de pagamento dos servizos prestados. 


A primeira organización en denunciar esta situación foi a CIG, pero sucesivamente foron aparecendo novas ao respecto en distintos medios de comunicación estatais como El País ou Público. En medios que se autodenominan galegos e que nalgún caso reciben varios millóns de euros anuais de subvencións da Xunta, coma "La Voz de Galicia", semella que non consideraron axeitado informar do feito, o que resulta sorprendente posto que  pode afectar moi seriamente a varias ducias de milleiros de galegos.


As opcións que a Consellería de Sanidade permite a quen se atope nesa situación son dúas:
  • Solicitar ser incluido como beneficiario na tarxeta dalgún familiar que sí cotice. É a opción menos lesiva, porque unha vez realizados os trámites recuperaríase o que moitos críamos que era un dereito social básico. Os principais problemas que ocasiona é que hai moitas familias con moitos membros en paro -situación que non fixo máis que aumentar dende a chegada do PP á Xunta malia as súas promesas de que solucionarían o paro-, que non se poderían acoller a esa figura; e que supón presentar unha declaración de que se depende económicamente da persoa cotizante á que se asocia, o que para alguén que se atopa en situación de desemprego prolongado supón un golpe máis á súa autoestima.

  • Segundo a Orde do 05 de setembro da Consellería de Sanidade, publicada o día 9 dese mes e vixente dende o 29 de setembro pódese solicitar asistencia sanitaria por carecer de recursos económicos suficientes (PSR) ou por estar no que chaman “código 29”. Esta segunda denominación refírense aos que teñen estado de alta nos últimos 12 meses, así que só poderían optar a ese suposto quenes despóis de ter pasado un ano no paro, coa conseguinte anulación da súa tarxeta, tivesen cotizado nalgún traballo temporal. Para calquera das dúas figuras esíxense unha serie de condicións que aparecen no texto, que se pode ver no enlace e no que tamén indican os documentos e trámites para a solicitude. Neste caso habería que renovar a tarxeta cada 2 ou 3 anos dependendo do caso.


A transparencia segundo o PP

O "CE TRO DE SAUDE" de Novo Mesoiro
A cancelación das tarxetas vixentes estase a realizar sen publicidade e sen comunicación previa, de xeito que os que cumplen os supostos para solicitar unha tarxeta descobren que non poden ir á sanidade pública cando piden atención, e o procedemento de tramitación para facer unha nova dura entre 8 e 10 meses. Durante ese tempo quen queira unha cita teráa que pagar previamente (67 euros para unha consulta co médico de cabeceira) e só se atenderá de urxencias con compromiso de pagamento polo paciente. O SERGAS tampouco pagará os medicamentos dos afectados. Os resgardos de ter comezado a tramitación non son aceptados. A Xunta do PP, e Pilar Farjas en particular, nin tan sequera informaron do cambio aos profesionáis do SERGAS nin ás farmacias, polo que cando foron chegando os primeiros casos de tarxetas inactivas non puideron asesorar aos cidadáns.


Consecuencias

Nas xustificacións, sen efecto legal, previas aos artigos da Orde, a conselleira Pilar Farjas expón que pretende ofrecer unha seguridade que antes non existía, e o Sergas, na súa páxina oficial, xustifícase con atitude propagandística afirmando que consolida dereitos. Deixando á marxe os slogans, o cambio a efectos prácticos consiste en que agora as persoas en situación de desemprego verán como se lles anula a tarxeta e fican durante 8-10 meses sen atención sanitaria. Os cambios administrativos que emprega coma xustificación non deberían valer coma excusa para algo así, que contribúe a degradar e desprestixiar a sanidade pública e que perxudica gravemente, ofende e humilla a persoas que se atopan nunha situación en que precisan apoio.

Os prezos non son precisamente baixos. Estabelécense no Decreto 209/2011, do 27 de outubro, que ademáis abre a porta a, literalmente, "repercutir nos usuarios os gastos ocasionados por estes como consecuencia do uso irresponsable das prestacións asistenciais do Sistema Público de Saúde de Galicia", sen especificar en que consiste ese uso, o que deixa a porta aberta a actuacións arbitrarias.


Outro cambio recente é o cobro de 10 euros cada vez que se renove a tarxeta. E tamén hai que lembrar os recortes que están a ter lugar no servizo de ambulancias. Un éxito máis ao que xa merecía ser considerado coma o peor goberno da Xunta da historia, e que ven a se sumar a outros coma ter multiplicado a taxa de paro e emigración, estar a destruir o tecido industrial, anular un concurso legal e lexítimo para que a explotación da enerxía eólica levase aparellada a xeración de novas industrias, paralizado a apertura de novas garderías, retirado a gratituidade dos libros de texto, permitido a privatización das caixas de aforro galegas,  atacado e insultado á lingua galega e aos que a empregamos, degradado o ensino público (poñendo profesores de física a dar bioloxía e á inversa), non actuar en absoluto perante a compra e deslocalización do Banco Pastor (que xa está a supor a eliminación de postos de traballo e afectará a máis de 2000 persoas),  etc…

Nenhum comentário:

Postar um comentário