8 de nov. de 2011

Eivas do Barrio de Oza II: infraestruturas

Avenida da Pasaxe, co parque de Eirís no alto
A zona de Oza segue a precisar actuacións para superar a desidia de moitas décadas, como xa comentabamos no primeiro post sobre as carencias do barrio. Tamén alí mencionamos que nos últimos anos a situación cambiou a mellor. Ampliáronse as zonas verdes coa apertura dos parques de Eirís e Oza, a se engadir aos de San Diego e o “Parque Europa” (o termo parque resúltalle grande dado o seu tamaño) facendo que as superficies verdes comecen a ser aceptábeis. Algunhas rúas principais foron remozadas, e o equipamento en centros cívicos e pavillóns deportivos tamén mellorou grazas ao remate das obras no Forum Metropolitano e ao pavillón do Colexio San Francisco Xavier.

 De todos xeitos a situación dista moito de ser idílica. Tentando concretar, e evitando mencionar carencias que sendo estruturais poden corresponder a outras áreas, queremos destacar as seguintes:

- Existen problemas de auga en moitas vivendas, especialmente en pisos altos, e EMALCSA négase a arranxar estes problemas. Moitas canalizacións están vellas e totalmente obsoletas, segundo manifestaron os veciños a través das súas denuncias e queixas. Tamén se detectan problemas na rede de sumidoiros, sobor de todo polas zonas próximas ao canalizado río de Monelos.

O falso túnel dos Castros
- O falso túnel dos Castros non trouxo máis que problemas ao barrio, cunha chea de accidentes dos que xa perdimos a conta, polo que pedimos a súa eliminación. Produce unha falsa sensación de seguridade pola mediana e a estética de autovía, pero consiste nunha curva en pendente que atravesa un túnel, posta a continuación dun tramo da Avenida da Pasaxe en que o límite é de 80km/h, e moitos condutores manteñen esa velocidade ao entrar. Considerámolo unha vía rápida dentro do barrio e non queremos focos de accidentalidade ás portas da casa. Cando noutras cidades galegas (Vigo) se quitaron este tipo de barbaridades, acó seguimos a mantelas, desconexos do noso tempo.  

- Debemos de loitar contra todo tipo de especulación, que por desgraza espolea e arraiga tamén no noso barrio. Xa é coñecida a nova en torno ás torres de Eirís, proxectadas para se construir sobre unha plataforma de cemento, que están a ameazar con edificar nun lugar onde agora mesmo hai espazo verde. Ao noso entender debería seguir como tal, e mesmo poderíase ampliar. A zona alta de Eirís é unha área a medio urbanizar e por agora a súa apariencia é francamente caótica, así que debería ser obxecto de vixilancia para procurar que se desenrole de xeito ordenado, deixando espazo para tránsito, zonas verdes e servizos.

Hortas no Castrillón
- Pensamos que como actividade de lecer e mesmo como fonte de emprego poderíase potenciar o uso de hortas ou leiras urbáns, organizando cursos e cedendo espazos para quenes estexan interesados. Daría a este barrio un espazo común para as xentes que queiran facer úso destas actividades. Hai espazos e xente interesada, só se precisa vontade política.

Nenhum comentário:

Postar um comentário