29 de nov. de 2011

Eivas do Barrio de Oza III: Mobilidade

Despóis de repasar as principais carencias no tocante á proteción e aproveitamento do patrimonio e a infraestruturas toca facer un repaso a un dos principais problemas do barrio, de toda a cidade e do conxunto da comarca das mariñas coruñesas: o transporte.

A situación de partida
A Coruña e a comarca precisan dende fai moitos anos dun plano integral de transportes públicos. A poboación dos concellos lindeiros (Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros e mesmo Sada ou Carral) medrou enormemente, mentres que A Coruña en sí ficou estancada e outras zonas de Galiza, principalmente no interior, están a sofrer un despoboamento e avellentamento dramáticos.
 
Esta derradeira situación dase, inda que non tan intensamente, en determinadas zonas da Coruña, entre elas O Castrillón. Os disparatados prezos dos pisos, tanto en aluguer como en venda, teñen boa parte da culpa. Moita xente nova renunciou a mercar ou alugar pisos na cidade por mor da dantesca situación producida pola burbulla inmobiliaria, que antes do seu estoupido no 2008 fixo que case calquera vivenda habitábel, mesmo de moi baixa calidade, resultase unha inversión enorme, inmanexábel e enormemente arriscada. Os anuncios de cuartos sen ascensor e a reformar por 200.000 euros chegaron a ser comúns no barrio de Oza, e os prezos dos alugueres non eran mellores, ao mesmo tempo que a expresión que definía os ingresos mensuais da meirande parte da mocidade era ‘mileurista’, sendo moi habitual que o salario neto fose menor. A situación que o bipartito estatal, PP e PSOE -que non esquezamos que votan en común ou se absteñen nas principais decisións en materia político-económica-, presenta como unha época case idílica só foi unha estafa piramidal cunha necesidade básica como é a vivenda. O paro baixou sen deixar de ser alto, os soldos conxeláronse e os prezos -non só os da compra- disparáronse.

Mesmo agora, os prezos dos pisos, especialmente na Coruña, seguen a ser moi altos, co cal a fuga de poboación nova segue a ser importante. Que relación ten isto co transporte? Milleiros de persoas que en moitos casos traballan e fan boa parte da súa vida diaria na Coruña viven (en ocasións durmen e pouco máis) a 10 ou máis km de distancia. Non é unha situación nova, pero a escala en que ten lugar aumentou moito. Tentando evitar ser simplista pero buscando pór un exemplo, pódese dicir que na área metropolitana que se está a formar hai moitos casos en que unha persoa vive en Culleredo, traballa en Arteixo e pasa parte do seu tempo libre na Coruña. A poboación da comarca medrou, pero os desprazamentos de media distancia aumentaron de xeito desproporcionado.

Ademáis de que habería que facilitar o acceso á vivenda para evitar os problemas que causa o despoboamento de barrios en que os pisos baleiros son xa unha praga, ata o de agora non se dispón dun sistema público de transporte que sexa unha auténtica alternativa ao coche particular agás en determinados traxectos. O único recurso real son os autobuses e presentan eivas claras.

Os autobuses

Estación de autobuses da Coruña
Fixándose nos aspectos positivos hai que destacar que a Tarxeta Metropolitana, ao permitir os trasbordos en toda a área, fixo que o prezo fose aceptábel. O principal problema é o propio modelo en que se basea: concesións a empresas privadas descoordinadas entre sí, que non permite que haxa un mapa de rutas mínimamente sensato.

Case calquera viaxe entre os concellos da periferia e a cidade pasa pola estación de autobuses de A Coruña, sen que haxa opción a facer rutas con continuidade. Isto provoca limitacións con consecuencias graves: os traxectos entre os arredores e os polígonos industriais, áreas comerciais ou de ocio, centros de estudo, etc … prolónganse ao ter que facer trasbordos, e en moitos casos hai que desandar boa parte da viaxe. Un exemplo sinxelo é que para ir do Burgo ou dende Oleiros ata o polígono de Pocomaco hai que coller un autobús que leva á estación, sair desta ata outra parada (neste caso próxima, en Ramón y Cajal) e tomar un autobús urbán ata o polígono. As frecuencias deste último non son elevadas. O traxecto dende San Pedro de Nós é dunha hora máis ou menos, namentres que en coche leva 15-20 minutos. Isto poderíase arranxar con rutas de acceso aos polígonos máis ou menos sensatas, o que axudaría a desconxestionar o tráfico e reduciría inda máis os tempos de viaxe.

As rutas que pasan por máis dun concello son case totalmente radiais: pódese ir da Coruña a Oleiros, a Culleredo ou a Arteixo, pero ir de Santa Cruz ao Burgo ou de Arteixo ao Temple é unha odisea. Isto tradúcese unha vez máis nun aumento do tráfico.

Ademáis as frecuencias e a amplitude horaria son en moitos casos insuficientes. A frecuencia en sí podería mellorar sen necesidade de máis autobuses, pero cunha mellor organización dos itinerarios.

As alternativas
Vía férrea nos Castros
A día de hoxe na Coruña non hai nin metro nin tren de proximidade. Calquera desas alternativas tería un certo custe, pero tampouco sería tan elevado se partísemos da reutilización ou da ampliación de vías xa existentes. Unha prolongación das vías da estación de San Diego podería levar un metro lixeiro ao centro da cidade  por terreo portuario, e poderíase facer unha circunvalación que conectase entre sí diferentes puntos da periferia da cidade. Con pequenas radiais e unha circunvalación adicional poderíanse conectar entre sí todos os núcleos de poboación medianos e grandes da comarca. 

Estas infraestruturas precisarían dunha inversión seria, pero ridícula en comparación con outras de utilidade por agora dubidosa, coma o porto exterior. E suporían unha alternativa real ao transporte por estrada, que a día de hoxe é a única opción que temos. Tamén permitirían aforrar en novos investimentos na rede viaria, que aumentan segundo se colapsan as vías actuais.

Á marxe dos camiños de ferro e das estradas, na comarca temos outra posibilidade: o transporte por vía marítima. Uns poucos itinerarios en ferrys ou embarcacións semellantes poderían axudar a desconxestionar a Ponte da Pasaxe, e permitirían comunicar aos concellos da Coruña, Culleredo, Oleiros, Sada, Betanzos, Ferrol... co engadido de que poderían resultar tamén de interese turístico.

O escenario ao que se debería aspirar
O normal na Coruña sería un compromiso serio de todas as administracións para racionalizar o sistema de transporte público, reorganizando o servizo de autobuses e introducindo un sistema alternativo e á vez complementario mediante metro e tren, cunha tarxeta de transporte e unha xestión común ou coordinada que xa existe en moitas cidades de certo tamaño por toda Europa. A idea básica sería competir co automóbil: non dificultando o uso do vehículo particular, senon oferecendo unha alternativa comparábel en canto a tempos, comodidade e extensión, e que fose máis económica.

Nenhum comentário:

Postar um comentário