Nos últimos anos, os gobernos do Estado español e da Xunta de Galiza, están a lexislar contra as clases populares para defender os privilexios da banca e as grandes empresas. A crise provocada pola especulación do sistema financeiro, está a ser pagada polos traballadores, pensionistas, autónomos... mentres os seus causantes seguen a obter grandes beneficios.
Os dereitos laborais vanse esfumando, a incorporación das novas xeracións ao mercado de traballo faise cada vez de xeito máis precario, as pensións recórtanse ao tempo que se lle entregan cartos á banca.
Servizos básicos como a sanidade, a educación e o sistema de benestar padecen recortes inxustificados. A escusa da crise tamén lles serve para desmantelar sistemas públicos privatizando servizos, todo para que esas grandes empresas sigan a gañar a cada paso máis cartos.
Con todo o que está a acontecer, a cidadanía segue sen reaccionar, seguimos aceptando os recortes como algo inevitábel, o último a reforma da constitución que introduce a ideoloxía neoliberal nun texto lexislativo.
A manipulación que se fai dende a maioría dos medios de comunicación provoca o inmobilismo da poboación, adormecida por unha televisión e un tipo de ocio que pretende que fuxamos da realidade. Esta situación non é nova, xa no 1953 Ray Bradbury escribía na súa novela Fahrenheit 451 que a cidadanía precisaba:
• Información de calidade, nin cantidade nin moito menos información manipulada.
• Tempo para dixerir a información, ocio construtivo e reflexivo e non o modelo de ocio que nos venden baseado en esquecer a realidade e fuxir dela.
• Dereito a realizar accións baseadas nas dúas primeiras cuestións: lexitimidade para mobilizarnos na defensa dos nosos dereitos.
Ten pasado moito tempo dende entón pero semella que a cousa non vai camiño de lograr os obxectivos que daquela marcaba o autor, senón todo o contrario. Está estabelecido un modelo económico e social que ten na manipulación e no engano masivo a estratexia para que as clases dominantes gañen a cada paso máis poder de decisión e de acumulación de recursos. A única solución pasa porque reaccionemos e defendamos os nosos dereitos, como temos feito noutras ocasións.
Nenhum comentário:
Postar um comentário