27 de set. de 2011

Charla do BNG sobre os centros de día de Eirís e Montealto

O venres 23 de setembro celebramos un acto para explicar como se abrirán os centros de día de Eirís e Montealto. A nosa primeira intención foi celebralo no salón de actos do Centro Cívico do Castrillón pero non se nos prestou esa instalación. Estas atitudes non impedirán que o BNG estexa a carón dos veciños e veciñas, se os actos non poden ser en instalacións municipais serán na rúa, como acontece neste caso.

Pariciparon a concelleira María Xosé Bravo e o voceiro do BNG no parlamento galego, Carlos Aymerich. María Xosé falou da necesidade de centros de día que existe na Coruña, tamén incidiu no cambio de criterio que impuxo a Xunta do PP nestes centros de día. Estas instalacións, proxectadas e promovidas pola vicepresidencia do BNG no anterior goberno da Xunta, cambian a súa xestión pública por unha xestión privada.

Ese cambio na xestión suporá que as 80 prazas que estaban previstas, son recortadas á metade, abrindo o centro con só 40 prazas. Supón 40 persoas menos que accederán a este servizo, 40 familias que non terán o respiro que este servizo lles suporía, e moitos menos postos de traballo. Suporá tamén que unha empresa privada obterá un grande beneficio a costa dos impostos que pagamos todos, o servizo será de peor calidade e máis caro pero dará grandes beneficios a unha empresa privada.

Carlos Aymerich insistiu na enorme diferencia á hora de concibir os servizos públicos da actual Xunta do PP comparándoa co anterior goberno. Subliñou todos os centros de día que se están a privatizar en Galiza. Mentres o BNG sempre apostou polos servizos públicos de calidade, o goberno do PP insiste nos recortes e na privatización de servizos. Medidas que farán empeorar a calidade dos servizos públicos.

Tamén se comentou a reforma da constitución aprobada polo PP e PSOE, reforma que supón un grande atranco ás políticas de gasto social que poden tirar da economía e sacarnos da crise. Tanto PP como PSOE apostan polos recortes e a supresión de servizos para as persoas que máis os poden necesitar. Limitar o gasto do xeito que están a facer pode desmantelar o raquítico estado de benestar que temos agora.  

Nenhum comentário:

Postar um comentário